Cursos gratuítos para as persoas que adopten un can na protectora de Campañó
Por Redacción
Tras posta en marcha este verán do proxecto ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’ cunha campaña de concienciación sobre a recollida das deposicións e a limpeza dos ouriños nos espazos públicos e os Cursos para a Boa Cidadanía Canina, a Concellería de Benestar Animal estende esta oferta de formación gratuíta para cans e donos á directiva e voluntarios da asociación Os Palleiros, responsable da xestión da protectora municipal, e a todas aquelas persoas que realicen a adopción dun can no refuxio de Campañó.
Estas novas accións formativas serán desenvolvidas grazas á colaboración do colectivo animalista e da firma especializada Diverti Cans, a mesma que se encarga dos cursos que o Concello ten en marcha nestes intres.
A presentación dos cursos realizábase este mércores na sede da protectora de animais Os Palleiros en Campañó, nun acto que contou coa participación do concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey; a vogal e voluntaria de Os Palleiros Kely Bello, e o responsable de Diverti Cans, Carlos Souto, monitor experto no ámbito deportivo.
"Os voluntarios da canceira, encargados de coidar, alimentar e pasear aos cans que habitan na protectora, e todas aquelas persoas que tramiten adopcións a través de Os Palleiros terán dereito a dous meses gratis de formación para aprender a educar ás mascotas. A idea sería que, ao igual que temos previsto facer a rematar os Cursos para a Boa Cidadanía Canina, nos que participan unha vintena de cans e coidadores, aquelas mascotas e donos que completen a acción formativa poidan recibir tamén un carné de aptitude unha vez que a completen e superen as probas esixidas", indicaba o concelleiro Marcos Rey.
Así mesmo, sinalaba que estes cursos son o resultado dunha colaboración "altruísta, que non supón ningún investimento extra por parte do Concello", froito do convenio existente cos Palleiros e Diverti Cans, "implicadas, ao igual que esta Concellería, na defensa do benestar animal".
CURSOS ADAPTADOS Á LEXISLACIÓN
Nun contexto no que se está debater o contido do anteproxecto da Lei de Protección e Dereitos dos Animais, Carlos Souto subliñaba que "con este proxecto, en Pontevedra imos por diante da lexislación que parece que vai saír e, polo tanto, estaremos preparados para homologar os nosos cursos cos de carácter obrigatorio que poidan establecerse".
O responsable de Diverti Cans fixo fincapé nas transformacións e avances acadados en donos e cans no primeiro dos cursos, que está a piques de rematar, e incidiu na importancia de que os cans que saian da protectora teñan a oportunidade de "ser felices" e de que os seus donos comprendan os seus comportamentos e necesidades.
O experto de Diverti Cans avanzou que o club e a Concellería de Benestar Animal lanzarán novos Cursos para a Boa Cidadanía Canina no mes de decembro, que os talleres para as persoas que adopten poranse en marcha "desde hoxe" e as accións formativas para a directiva e os voluntarios de Os Palleiros entre decembro e xaneiro.
FORMACIÓN E ADOPCIÓN
Kely Bello valoraba positivamente a proposta realizada polo concelleiro Marcos Rey, xa que, a pesar de que a maior parte da xente que adopta chega con boa vontade, "moitas veces falta un pouquiño de man ou de coñecemento á hora de abordar cuestións como facer a introducción nunha casa na que xa hai outro animal, nenos ou persoas maiores, aspectos que hai que ter moi en conta porque favorecen a estabilidade do can se se realizan do modo axeitado e, pola contra, o poden prexudicar moito a el e á familia en xeral se se fai de forma errónea".
A vogal e voluntaria de Os Palleiros lembraba que, no que vai de ano, foron adoptados 98 cans a través da protectora de Campañó, que rexistrou a entrada de 127 animais. En concreto, as instalacións municipais tiveron 37 entradas e 31 adopcións no primeiro trimestre de 2021, 29 entradas e 30 adopcións no segundo trimestre de 2021 e 40 entradas e 18 adopcións no terceiro trimestre, aos que hai que sumarlles 14 entradas e 15 adopcións en outubro e 7 entradas e catro adopcións no que vai de novembro. En todo este período só se rexistraron tres devolucións.
Relacionadas:
-
O segundo curso para a "boa cidadanía canina" incluirá un grupo para cachorros
Por Redacción |
-
O alumnado dos colexios de Pontevedra recibirá charlas sobre o coidado dos cans
Por Redacción |
-
Benestar Animal convoca dous cursos pioneiros para a boa cidadanía canina
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Ofensiva municipal para acabar coas 'cacas' de can en parques e rúas de Pontevedra
Por Redacción |