O GES do Grove, motivo de discordia entre a Deputación e a Xunta
Por Redacción
Para a Deputación, o grupo de emerxencias que a Xunta quere crear no Grove é insuficiente e critica o escaso financiamento que dedica o goberno galego a estes equipos. Para este último, é o executivo provincial quen non está disposto a achegar a parte que lles corresponde.
Así as cousas, a xuntanza da comisión de seguimento dos GES rematou sen acordo. As deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo marcharon do encontro ante a "negativa" da Xunta a aceptar ningunha das súas propostas.
Con respecto ao ámbito de Pontevedra, a Deputación advirte que o grupo de emerxencias de O Grove ten que incorporarse ao sistema GES "en pé de igualdade", é dicir, como unha base completa de doce membros e non ter "inferiores condicións" que o resto de Galicia.
Para toda a comunidade, a Xunta pretende que todos estes grupos de emerxencias estean compostos por doce persoas, salvo O Grove con seis, o que suporía un maior financiamento que, segundo o goberno provincial, tería que asumir o executivo galego.
As tres deputacións gobernadas por PSdeG-PSOE e BNG afirman que o novo reparto económico non debe supoñer novos incrementos para elas, porque xa duplicaron as súas achegas no período 2019-2021, pasando do 20% ao 40% do custo total do sistema GES.
A Xunta, pola súa banda, denuncian, reduciu a súa achega do 60% ao 52,5%, a pesar de que "estamos diante dun servizo incluído no marco das súas competencias". Ademais, censuran que estea a utilizar o Fondo de Cooperación Local para realizar as súas achegas.
As deputacións recalcan que a "vía normal" para alcanzar un acordo sobre o novo convenio do sistema GES para o período 2022-2024 é a da negociación previa "entre iguais" e con cada administración "actuando no marco das súas competencias e capacidades económicas".
Ademais, reclaman que o novo convenio se basee nun cambio de modelo para "deixar de incitar ao fraude na contratación" por parte dos concellos por mor do incumprimento da lexislación laboral, tal e como xa acreditan reiteradas sentencias xudiciais.
Pero desde a Xunta fan unha lectura completamente diferente desta xuntanza. Lamentan que as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo rexeitasen a súa proposta para mellorar a prestación dos servizos dos GES e completar o mapa galego de emerxencia.
Apostaban por aumentar o persoal para que os todos os GES teñan doce efectivos, equiparar o custo dos catro servizos municipais de emerxencias da comunidade ao resto de GES, actualizar o custo salarial dos grupos e crear un subgrupo con seis efectivos no Grove.
Isto afectaría, na provincia de Pontevedra, aos GES de A Estrada, Lalín e de Mos/Redondela, que pasaría a ter doce membros; e ao servizo municipal de emerxencias de Sanxenxo, que aumentaría a súa dotación económica para equipararse aos GES.
Tras denunciar o "paso atrás" que supón esta situación para atender as emerxencias na comunidade, a Xunta defendeu o "importante investimento" realizado nos servizos de emerxencias "pese a tratarse dunha competencia dos concellos e deputacións".
Ante a negativa destas deputacións a asumir un maior compromiso orzamentario, asegura a Xunta, as melloras previstas para renovar o convenio dos GES aplicaranse de forma individual en Ourense, provincia que si apoiou o plan presentado polo goberno autonómico.
Relacionadas:
-
Renovado o convenio para as emerxencias da provincia sen aplicar as melloras propostas pola Xunta
Por Redacción |
-
Críticas do PP á negativa de ampliar os GES da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación valora como "absolutamente insuficiente" a proposta da Xunta para crear unha subsede dos GES en O Grove
Por Oskar Viéitez |
-
O GES do Grove contará con seis traballadores
Por Redacción |