Sogama vence a Pontevedra nos tribunais e recibirá case 4 millóns de euros en atrasos
Por Alejandro Espiño
Xiro de 180 grados no conflito xudicial que enfronta a Sogama co Concello de Pontevedra. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou a favor da empresa con respecto ás discrepancias existentes sobre o canon a pagar polo tratamento dos residuos sólidos urbanos. Isto supón que, se se suman as diferenzas impagadas entre os anos 2008 e 2013, Pontevedra debería abonar a Sogama case catro millóns de euros.
O conflito parte de 2004 cando Pontevedra non asumiu as condicións do canon que a Xunta pactou coa FEGAMP. O goberno municipal insistía en aplicar unha cláusula recollida no contrato asinado en 1999, polo cal establecíase un canon variable por cada tonelada, que se calculaba en base ao IPC e ao prezo da enerxía. ÿ dicir, canto maior é o custo da luz, menor é o canon e viceversa.
Pero Sogama non recoñecía esta cláusula e levou aos tribunais cada unha das facturas emitidas desde entón. En febreiro deste ano, o TSXG deu a razón ao Concello cunha sentenza que se refería a unha reclamación por 304.000 euros das facturas emitidas entre agosto e decembro de 2008. Sogama pediu unha aclaración ao TSXG ao entender que dita resolución entraba en contradición cunha sentenza anterior e, agora, déronlle a razón.
Desde o goberno municipal, Raimundo González afirmou que "non compartimos a sentenza" e destacou que, con este conflito xudicial, "o único que fixemos foi defender os intereses dos cidadáns ata a extenuación e fixemos o que puidemos". En todo caso, afirmou que no "desenlace global" deste asunto "saímos gañando", ao recordar que entre 2006 e 2008 o Concello deixou de pagar 2 millóns de euros que Sogama xa non pode reclamar.
O que quixo deixar claro o concelleiro de Facenda é que o pago destes atrasos non se repercutirá na factura que reciben os cidadáns, xa que por seguridade xurídica, esas cantidades xa se recollían no orzamento municipal "por se viña unha sentenza contraria". Ademais, explicou que de momento a "única débeda" de Pontevedra con Sogama son eses 304.000 euros, xa que o resto de cantidades "está pendente das respectivas sentenzas".
Os servizos xurídicos municipais estudan se cabe algún tipo de recurso contra esta unificación de doutrina do TSXG, que probablemente tería que ser xa ante o Tribunal Constitucional. "Se vemos posibilidade de recurso e que poida ter a máis mínima viabilidade, actuaremos en consecuencia e recurriremos", insistiu o concelleiro nacionalista. A decisión tomarase nos próximos días.
A XUNTA CULPA A PONTEVEDRA DO DEFICIT DE SOGAMA
Esta sentenza fíxose pública este venres no Parlamento durante unha comparecencia do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que xustificou a subida dun 33,5% no canon que Sogama cobrará aos concellos a partir do 1 de xaneiro de 2014, no comportamento de municipios como o de Pontevedra que actúan de forma "irresponsable, insolidaria e pseudoilegal", polas débedas que teñen con esta empresa.
Neste sentido, Raimundo González afirmou que, a día 23 de outubro, "tíñamos todos os pagos absolutamente ao día", ao recordar a existencia desa sentenza previa que referendaba as teses municipais. "O PP ten unha teima especial con Pontevedra, pero non só non teñen razón, senón que é unha falacia pura e dura", dixo, xa que insistiu en que, por agora, a única débeda recoñecida polos tribunais son estes 304.000 euros.
Relacionadas:
-
Pontevedra leva ao Tribunal Constitucional o seu preito polas facturas de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local acusa os populares de "confundir os cidadáns" coa taxa do lixo
Por Redacción |
-
O goberno de Pontevedra asegura que a débeda con Sogama non afectará os cidadáns
Por Redacción |
-
Lixo 'a prezo de ouro': ata un 20% máis pagaremos polo aumento do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra aforrará 950.000 euros no 2013 ao pagar menos do que reclama Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
Varapau xudicial a Sogama: o Concello non terá que pagar as facturas pendentes
Por Alejandro Espiño |