Raíña Vitoria seguirá pechada ao detectarse unha baixada de máis de 5.000 vehículos diarios na contorna
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O informe da Policía Local no que se reflicten os efectos no tráfico derivados do peche da rúa Raíña Vitoria mostra que se produce unha baixada de máis de 5.400 vehículos diarios na contorna desta vía. O dato ofrecíao este venres o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, que anunciaba que o proxecto de construción do skate park para ese espazo continúa adiante e, en breve, elaborarase un bando para consolidar o peche da rúa, unha vez que o auto xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o recurso contra o peche.
Ese informe con datos obtidos en outubro sinala que o descenso dos vehículos é considerable en diferentes puntos da cidade: na ponte da Barca circulan 1.800 vehículos diarios menos a diario, un 29%; na Praza de Galicia, un 33% menos; en Augusto García Sánchez, 900 coches menos, un descenso do 20%; en Eduardo Pondal cara a Uxío Novoneyra, un 48%, mentres que cara á Praza de Galicia, un 28% de redución de tráfico rodado.
Si se rexistran, admitiu o concelleiro, aumentos noutras rúas. Aumenta o tráfico en máis dun 500% na rúa Palamios, pasando de 757 a 4.200 vehículos diarios; un 29,31% en Manuel do Palacio, con 1.700 vehículos máis; e un 6,75% en Alcalde Hevia.
Segundo estes datos, Gómez Xunqueira afirma que "hai un tráfico máis fluído" e utiliza como exemplo que a Policía Local non volveu, desde o inicio do peche, a verse obrigada a crear un operativo de tráfico na rotonda de Uxío Novoneyra con Eduardo Pondal, cando antes era frecuente para evitar bloqueos na circulación. Tamén indicou que unha situación similar prodúcese na entrada do Colexio Campolongo, onde antes era preciso establecer un operativo policial fixo. Afirma que, ademais do IES Sánchez Cantón, causa do peche da avenida debido á pandemia, tamén o Centro de Saúde Virxe Peregrina está véndose beneficiado porque se aliviou o tráfico na contorna de Echegaray.
Demetrio Gómez admite que en Manuel del Palacio rexístranse retencións pero que son de catrocentos metros e que os técnicos municipais traballan para buscar solucións. Afirma que, en calquera caso, esas retencións son "asumibles" porque están relacionadas coa rotonda semafórica entre Manuel do Palacio e Rosalía de Castro, na que se rexistra unha importante actividade peonil.
Recoñeceu, por outra banda, que o tráfico se está a reorganizar e detéctase que hai un maior número de vehículos que empregan a autoestrada para trasladarse a Poio e estase eliminando un número importante do tránsito de paso pola zona urbana de Pontevedra.
Asegura que estas accións están en consonancia coas propostas do Cume do planeta sobre o clima que se celebra en Glasgow ao lembrar que é competencia das administracións locais reducir o uso do vehículo.
RESPOSTA DO PARTIDO POPULAR
Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular e portavoz da oposición, lamentou esta decisión anunciada por Demetrio Gómez de pechar a avenida ao entender que a maioría cidadá non respalda esta decisión.
Reclamou ante este anuncio a apertura de Raíña Vitoria manifestando a falta de actividade que se produce na actualidade nesa contorna causando prexuízos aos negocios da zona.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez e Ángel Moldes piden transparencia ao goberno local cos seus plans para o tráfico na ponte da Barca
Por Natalia Puga |
-
O cambio de sentido en Ribeira dos Peiraos e dos Gafos completará a reordenación de tráfico en Palamios
Por Redacción |
-
"Non nos van a deter porque o peche de Raíña Vitoria é arbitrario e unilateral"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A xustiza avala o peche de Raíña Vitoria, que o Concello estuda facer definitivo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Avenida Raíña Vitoria seguirá pechada ao tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
As asociacións veciñais de Castelao só aceptarán o peche de Raíña Vitoria se hai un proxecto "obxectivo"
Por Manu Otero |