A alta ocupación nas pontes de outubro e novembro confirma o éxito do bono turístico
Por Redacción
As pontes festivas dos tres últimos meses do ano son a proba de lume para testar a recuperación do sector turístico. Neste sentido, pódese afirmar que a alta taxa de ocupación que se rexistrou nas pasadas pontes de outubro e novembro está estreitamente relacionada coa repunta nas transaccións do bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia, posto en marcha pola Xunta para reactivar o sector.
Na ponte do Pilar, entre o venres 8 e o martes 12 de outubro realizáronse 1.475 operacións co bono turístico, por un importe de compras de 282.647 euros. E no de Todos os Santos, entre o venres 30 de outubro e o 1 de novembro, realizáronse unhas 1.400 operacións, por un importe de compras de preto de 300.000 euros. As previsións da Xunta estiman mobilizar a través do bono turístico 7,8 millóns de euros durante todo o ano 2021.
O crecente gasto realizado polos usuarios do bono turístico nas pontes festivas coincide cunha ocupación nos establecementos hostaleiros que, nalgunhas localidades turísticas, achegouse ao cento por cento da súa capacidade. Datos que confirman a tendencia marcada desde o verán, en canto á progresiva recuperación do sector turístico e a confianza dos viaxeiros ao escoller Galicia como destino seguro.
Unha das localidades onde máis transaccións se realizaron do bono turístico foi Sanxenxo. Con respecto ao número de visitantes e pernoitas, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzaba durante a ponte do Pilar que a localidade costeira estaba mesmo mellorando os rexistros de 2019 polas mesmas datas, antes da pandemia.
A EXPERIENCIA DO BONO TURÍSTICO
Entre os establecementos radicados en Sanxenxo que avalan o éxito do bono turístico atópase o Augusta Eco Wellness Resort. Para coñecer como están a xestionar a reactivación das reservas no tramo final do ano, falamos co seu experience manager, Jorge Sanmartín Maïsa, como "responsable de todo aquilo relacionado coa experiencia dos clientes, desde que se poñen en contacto connosco ou fan a súa reserva, e sobre todo durante a súa estancia", segundo nos explica.
- Pódesnos ofrecer unha primeira impresión de como foi a ocupación nestas dúas últimas pontes?
Moi positiva, pero xa mesmo desde o verán tivemos moi boas sensacións. Os nosos clientes notábase que tiñan moitas ganas de saír, de recuperar un pouco a súa vida anterior. Tamén recibimos a moitos clientes habituais, que polas circunstancias non nos podían visitar no último ano e medio, e a verdade é que foi un tempo de moitos reencontros. Xa desde o verán a ocupación foi altísima, e segue séndoo, a verdade é que nos sorprendeu. Incluso falando con compañeiros da zona, hoteis e restaurantes, para todos as expectativas se superaron.
- Entendo que neste sentido o bono turístico tamén tivo un "efecto arrastre" a toda a economía da zona.
Si, a todo o sector turístico. Ademais de hoteis e restaurantes, moven tamén aos taxis, ás tendas que viven do turista, panaderías... é unha roda, todo xira. Nós o efecto do bono turístico notámolo moito. Foi poñernos a disposición nas dúas campañas que houbo e tivemos que ampliar as quendas de reservas porque houbo moitísimas chamadas. Ademais eran chamadas de longa duración, onde sobre todo nos preguntaban polas restricións, e adaptámonos reforzando o servizo.
- De que puntos de Galicia recibistes clientes a través do bono turístico?
As provincias de Coruña e Pontevedra, pola maior poboación, son as principais procedencias. Pero tamén notamos moito a reserva de clientes de proximidade. Incluso do mesmo Sanxenxo, teñen o bono e apetécelles coñecernos e reservar connosco porque ofrecemos unha oferta moi completa, ademais da experiencia do balneario.
- Pode estar aí a clave de que Augusta Eco Wellness Resort recibise a tantos usuarios do bono turístico: poder vivir unha experiencia completa máis aló da pernoita?
Moitos dos nosos clientes non saen do hotel. Nós sempre dicimos que un só hotel non fai destino e é importante que haxa unha oferta turística todo o ano. Hoteis, restaurantes ou actividades, non só vivir dos meses de verán e Semana Santa. E nós, afortunadamente, tamén é unha aposta que fixo a propiedade do hotel hai moitos anos a de ofrecer moitas actividades, tanto talleres de ioga, pilates, kokedama, creación de produtos cosméticos naturais, mindfulness... Temos moitas actividades ademais do que é o spa, as instalacións que son unha das principais razóns polas que o cliente nos visita.
- E este cliente variou, por exemplo en idade, coa implantación do bono turístico?
Falando estritamente do bono, quizais un público máis novo que a media de idade habitual, e máis parellas. Aínda que tamén tivemos familias. Pasounos o mesmo co bono sanitario.
- Precisamente o bono turístico do que falamos activouse este ano como complemento da campaña posta en marcha en 2020 en favor dos profesionais sanitarios. Como foi esa primeira experiencia?
Igual que o bono turístico, tamén foi unha revolución. Á parte dá moita satisfacción, porque esta xente estivo traballando moi duro tantos meses, e segue facéndoo, non nos esquezamos. E foi moi satisfactorio ver que mesmo moitos che comentaban historias persoais. Por exemplo, unha persoa que estivera en primeira liña dicíame "estiven catro meses sen librar", e que poidan facer unha escapada e nolo conten, pois a verdade é que... reconforta, satisfai, a verdade que si.
- Nótase moita emoción nas túas palabras. Ao final, se mo permites, os profesionais que traballades no sector turístico, nos servizos, tamén contribuístes a lograr a tan ansiada "normalidade" que me comentabas fóra da entrevista. E xa para rematar, como esperades pechar o ano? que expectativas tedes para a ponte de decembro e Nadal?
Temos moitas reservas. De feito, para a programación que temos en Nadal, para unhas datas concretas como Noiteboa e Noitevella, quédannos moi poucas prazas. Si é certo que sempre tivemos unha alta ocupación durante estas datas, pero este ano o que detectamos é que a xente adiantou a reserva. Se cadra é por expectativa de poder quedar sen praza, ou por esas ganas que falamos antes que ten a xente de saír e tamén de gozar un Nadal máis normal que o ano pasado. Pero si, notamos moita antelación nas reservas. Estamos case completos.