O PP de Poio solicita unha saída na AP-9 en Portosanto e a senda peonil entre A Seca e Combarro
Por Redacción
Os populares de Poio, con Ángel Moldes á cabeza, reuníronse esta semana cos deputados nacionais do partido, Ana Pastor, Javier Bas, Diego Gago e Juan Manuel Constenla, co fin de analizar a proposta para a saída da AP-9 á altura de Portosanto e a senda entre A Seca e Combarro.
Desde o PP explican que "a creación dunha nova saída da autoestrada AP-9 permitiría acceder directamente ao concello de Poio no lugar de Portosanto". Deste xeito, aínda que nese punto xa hai un carril de entrada á autoestrada que conecta coa PO-309, solicitan a construción dun "carril de deceleración na autoestrada e un vial que correría paralelo ao xa existente, conectándose coa PO-309".
O obxectivo desta nova saída é dar servizo directo á parroquia máis poboada de Poio e que ademais ten unha importante actividade pesqueira e de transporte.
A maiores desta saída, o Partido Popular de Poio quere que se constrúa unha senda entre A Seca e Combarro, o cal "sería moi importante para Poio e daría continuidade á que vai de Campelo á Seca".
Neste senso, Moldes insiste en que a continuidade desta senda "é clave" porque "permitiría maior seguridade peonil, axudaría a dinamizar outra parte de Combarro, axudaría a utilizar a zona da Seca como estacionamento para visitar Combarro e, sobre todo, unir Combarro coa Seca e con Campelo".