Médicos de Urxencias do Hospital Montecelo e Provincial denuncian maltrato por parte da xerencia da área sanitaria
Por Redacción
Os facultativos do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), que traballan no Hospital Montecelo e no Provincial ,emitiron unha carta aberta dirixida ao Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; ao xerente do Sergas, José Manuel Flores; e ao xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez.
No escrito, redactado en castelán, denuncian a situación que viven desde hai meses en Urxencias pola falta de persoal facultativo. Afirman que a esta situación chegouse "de maneira progresiva grazas á falta de xestión de recursos humanos por parte da xerencia de Pontevedra, ao non asumir - de maneira aviesa e contumaz - as súas responsabilidades". Indican que chegaron a delegar no propio Servizo de Urxencias a procura de profesionais "que queiran vir traballar ao Servizo".
Alertan de que "existe unha falta de facultativos e todo o que supuxo a pandemia, en canto a desgaste emocional e sobrecarga de traballo dos profesionais fíxose insoportable a presión asistencial, ao ser o Servizo de Urxencias a porta de acceso ao Hospital, sen posibilidade de descanso, peche ou cambio de modalidade de consulta, como se fixo noutros servizos do hospital".
Os médicos sinalan que, na actualidade, está a producirse unha "nova normalidade" nas Urxencias do CHUP, similar á de antes de 2020, pero con peores circunstancias, ao ter que seguir mantendo medidas de seguridade anti-covid. A afluencia de pacientes disparouse desde o comezo do verán. O espazo das Urxencias do CHUP segue sendo excesivamente pequeno para o volume de pacientes que chega a este Servizo, alegan.
Destacan que "se están empezando a vivir situacións de sobre aforo no servizo de Urxencias, tanto de familiares e acompañantes, como de pacientes, moitos nas padiolas sen posibilidade de localizacións cun mínimo de intimidade, por esta falta de espazo". Entenden que a situación se acentúa "pola crise existente en Atención Primaria (ATP), o que orixina que numerosos pacientes ao non ser atendidos en ATP acudan directamente ao Servizo de Urxencias con demandas de asistencia non urxentes, pero tampouco demorables 15 días como ocorre nalgún Centro de Saúde".
Desde o servizo de Urxencias quéixanse dunha "administración que nos está maltratando e que, a curto prazo, non nos achega ningunha solución de mellora"
"Persisten contratos deficitarios, sen estabilidade a longo prazo e con ausencia de reforzos de persoal cando é máis que necesario. Estívose traballando desde principios do verán ao límite da extenuación, chegando a realizar horas extraordinarias, por encima do tope recomendado. Como consecuencia disto, o persoal está a chegar ao límite da súa capacidade física e mental, cun alto grao de "Burn out" (esgotamento profesional) dalgúns facultativos", continúan no seu escrito asegurando que esta situación tamén afecta a enfermería, auxiliares, celadores e administrativos.
Tamén denuncian que "se tentou repetidamente dialogar toda esta problemática coa Xerencia e Dirección da área Sanitaria, e o único que nos transmite é que non hai facultativos nas listas para contratar, e que todos os médicos de familia van ser contratados para Atención Primaria, incluso aqueles que por decisión persoal quixeron traballar en Urxencias, negóuselles o contrato, instándoos a traballar en Primaria ou non traballar na área".
Ante esta situación quere manifestar a súa queixa "a unha administración que nos está maltratando e que, a curto prazo, non nos achega ningunha solución de mellora". Esixen como primeira medida a contratación dos facultativos necesarios para cubrir todos os postos de traballo que están descubertos e que son os seguintes: catro baixas por enfermidade no Hospital Montecelo e unha praza do Hospital Provincial, que se atopa descuberta desde hai dous meses, segundo alertan.
Terminan a carta apuntando que non queren tomar unha decisión de conflito, pero admiten que "a situación é insostible". Desta forma, advirten de que se non se adoptan solucións a curto prazo tomarán medidas que garantan a saúde laboral dos facultativos, salvagardando a asistencia sanitaria da poboación.
Relacionadas:
-
Profesionais de fisioterapia e enfermería alzan a voz contra a sobrecarga e precariedade na Atención Primaria
Por Manu Otero |
-
O Sergas inicia a negociación do plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria
Por Redacción |
-
A "situación crítica" das Urxencias no Provincial e en Montecelo chega ao Parlamento de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
A área sanitaria dá prioridade á atención en centros de saúde e PACs en lugar de Urxencias ante a falta de médicos
Por Manu Otero |
-
Ampla presenza de poboación de Pontevedra-O Salnés na marcha en defensa da Atención Primaria en Santiago
Por Redacción |
-
Apoio do goberno local á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para reclamar recursos en Atención Primaria
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |