Valentín García Escudero, o "quilómetro cero" da Pontevedra romana, estrea o seu novo aspecto
Por Alejandro Espiño
Valentín García Escudero estreou este venres o seu novo aspecto. Convertida a praza, segundo destaca o goberno municipal, no espazo arqueolóxico da Ponte do Burgo, por fin concluíron as obras da primeira fase de soterramento do xacemento. Unha actuación de "recuperación ambiental", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, "para darlle vida ao quilómetro cero da Pontevedra romana".
Con esta remodelación "queda un espazo público a disposición de todo o mundo", sinalou Fernández Lores. Cubriuse gran parte da excavación arqueolóxica creando unha gran zona verde e na parte máis próxima á Praza do Peirao situouse un parque infantil en forma de barco pirata que será inaugurado en breve. As choivas dos últimos días impediron completar a súa instalación.
Trátase da solución pola que optou o Concello de Pontevedra tras descartar o denominado Museo da Historia, "que era imposible neste momento" ao ser "excesivamente ambicioso". Neste sentido, o alcalde sinalou que os veciños "están asumindo perfectamente ben este cambio" ao asegurar que toda esta contorna "terá unha moi boa calidade urbana e estará ben iluminada", algo que, dixo, "dinamizará toda esta zona".
Con respecto aos restos arqueolóxicos, tras varios proxectos, o Concello de Pontevedra aposta porque se manteñan destapados. Contratouse unha empresa que realizará tarefas de limpeza e mantemento de forma semanal e seguiranse realizando traballos de consolidación. Neste sentido, Luís Bará avanzou que se baleirarán os arcos da ponte medieval que se achou na zona "para que coa iluminación adecuada, o xacemento luza máis".
Será, destacou, "un lugar de visita obrigada" para pontevedreses e turistas e xogará un papel importante no itinerario arqueológico da cidade "porque nos fala da orixe da cidade e da súa acta de nacemento". De aí que avanzase que "en tanto funcione ben así, esté ben integrado na trama urbana e sirva para dinamizar a parte norte do centro histórico, estará destapado e faremos todo o posible para conservalo e coidalo".