A área sanitaria dá prioridade á atención en centros de saúde e PACs en lugar de Urxencias ante a falta de médicos
Por Manu Otero
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, referiuse na mañá deste luns, durante a presentación da estratexia de vacinación masiva no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, á carta aberta publicada polos facultativos de Urxencias a través da que esixían a cobertura de todas as prazas vacantes de médicos en Montecelo e no Provincial. "Temos un problema de limitacion de profesionais", argumentou o dirixente facendo fincapé na falta de pediatras e médicos de familia nas listas de contratación.
Ante a falta de cubrir baixas, vacacións ou ausencias puntuais, desde a área sanitaria optan por pedir aos profesionais xa contratados que prolongue a súa xornada ou desprazan aos pacientes a outros centros sanitarios. "É unha xestión terriblemente complicada porque é moi dificil sacar a algún profesional de onde xa tes moi poucos", remarca Gómez.
Sobre a situación de Urxencias, desde o Sergas consideran que se trata dun problema estrutural e que a solución pasa pola aprobación da especialidade, algo que xa solicitaron ao Ministerio e aos propios profesionais."Mentres iso non ocorra, as Urxencais estanse nutrindo sobre todo de medicina de familia. Está incidindo nun dos grandes problemas que xa temos na Atención Primaria, que é que non hai médicos nas listas de contratación e as necesidades de médicos de familia non só se ciñen a Primaria, PACs e centros de saúde, senón tamén en Urxencias dos hospitais", xustifica.
Dada a falta de profesionais, Gómez comprende o malestar do facultativos pero mantense firme na súa posición. "Entendo que cada colectivo pense na súa propia situacións, pero unha xerencia ten que pensar na situación de todos, pensar de xeito máis estratéxico. Damos as explicacións sempre que se nos requiren, é difícil de comprender por parte dos profesionais, pero a visión ten que ser a do conxunto", resolveu.
Relacionadas:
-
Carbón para a Xerencia da área sanitaria, petición do persoal dos PAC aos Reis Magos
Por Redacción |
-
O Sergas inicia a negociación do plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria
Por Redacción |
-
A "situación crítica" das Urxencias no Provincial e en Montecelo chega ao Parlamento de Galicia
Por Oskar Viéitez |
-
Médicos de Urxencias do Hospital Montecelo e Provincial denuncian maltrato por parte da xerencia da área sanitaria
Por Redacción |