Peregrinaxe para "rachar coa indiferenza" cara á violencia de xénero
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra e presidente do GDR Pontevedra-Morrazo, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes dos concellos de Soutomaior, Poio e Vilaboa acudiron durante a pasada fin de semana á andaina reivindicativa contra a violencia de xénero organizada polo GDR Pontevedra Morrazo, do que forman parte os concellos de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa.
A andaina formou parte da campaña 'Rachemos coa Indiferenza' e baixo o lema común de todos os GDR de Galicia 'O Rural contra a violencia de xénero', que "pretende concienciar e sensibilizar á poboación en materia de prevención da violencia sobre as mulleres".
As andainas dos 24 GDR de Galicia percorreron de xeito simultáneo diferentes tramos dos camiños de Santiago co obxectivo de implicar ás persoas do rural para que camiñasen desde 24 puntos distintos de Galicia co obxectivo de reclamar o fin da violencia machista e de defender a igualdade.
A andaina pontevedresa percorreu un tramo de pouco máis de 6 quilómetros do Camiño de Santiago Portugués, dende a Capela de Santa Marta de Bértola (Vilaboa) ata a sede do GDR Pontevedra-Morrazo en Mourente.
En Mourente deuse lectura dun manifesto no que se lembrou que a loita contra a violencia de xénero "é un traballo en equipo, de toda a sociedade, e Galicia xa ten unha postura ao respecto que o rural fai propia e reforza".
"O rural, hoxe e sempre, di non á violencia de xénero", sinalou o manifesto, que tamén sinalou que é de xustiza lembrar a todas e cada unha das mulleres vítimas da violencia de xénero e ás mulleres rurais que sufriron ou están a sufrir a violencia machista, que supón un atentado contra os dereitos humanos máis básicos e elementais.
Relacionadas:
-
Poio centra no ámbito educativo e na mocidade os actos do 25N
Por Redacción |
-
Pontevedra advirte que contra a violencia machista "non vale ningún tipo de eufemismo"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Andaina polo Camiño Portugués para mobilizar a poboación contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
A violencia vicaria centrará o programa do 25N en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Fotografías e vídeos para que os adolescentes reflexionen sobre a violencia vicaria
Por Natalia Puga |
-
A campaña dixital #RachemosCoaIndiferenza promove un cambio social contra a violencia de xénero
Por Redacción |