Intervención pioneira en Pontevedra para devolverlle a audición a unha nena de 7 anos
Por Alejandro Espiño
O Hospital Provincial de Pontevedra volveu a situarse á vangarda nunha das súas intervencións. Un equipo do servizo de Otorrinolaringoloxía do complexo hospitalario pontevedrés realizou con éxito unha operación pioneira en España.
Trátase da intervención realizada a unha nena de apenas 7 anos, á que se lle colocou un implante activo osteointegrado bilateral, un dispositivo que lle permitirá recuperar a audición.
A operación, realizada polas otorrinos Nieves Rodríguez e Tamara González -xunto coa anestesista Silvia Picallo e o equipo de Enfermería-, durou preto de dúas horas e supuxo a colocación destes implantes que constan de dúas pezas.
Por unha banda, un procesador de son; e por outro, un implante pezoeléctrico, "que o que fai é conducir o son de forma natural ao oído interno a través do óso", explica a PontevedraViva a doutora Rodríguez, que sinala que "todo saíu perfecto".
"Este implante osteointegrado activo si se fixo en España en adultos pero nunca en nenos con hipoacusia bilateral", aclarou a otorrino pontevedresa, corrixindo a incapacidade parcial que tiña a paciente para escoitar sons en ambos os oídos.
Ata o de agora, a paciente "escoitaba moi pouco" a través duns dispositivos externos que paliaban a súa atresia, unha alteración anatómica do pavillón auditivo.
"Non oía porque o son non lle chega ao oído interno porque non ten pavillón nin conduto auditivo", detalla Nieves Rodríguez. Esta circunstancia é a que corrixiu esta intervención e a partir de agora, "o son pasará directamente a través do óso".
O resultado, ademais, será a recepción dun son máis nítido e claro, sen a distorsión ou retroalimentación que, en ocasións, pode estar asociada aos audífonos.
A paciente poderá, por tanto, mellorar a súa calidade de vida de maneira exponencial ao recuperar toda a súa audición. "Escoitará todo perfectamente", sentencia a facultativa.
A nena, que ten un trastorno do espectro autista con alteracións de linguaxe, poderá irse hoxe mesmo para casa. Dentro dunhas seis ou oito semanas activaráselle o implante, sinala a otorrino pontevedresa, e poderá volver oír con total normalidade.