Os concellos deberán rematar as 47 obras do ReacPon antes do 30 de abril de 2023
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente César Mosquera, presidiu este martes unha reunión cos alcaldes dos 47 concellos que teñen aprobados os proxectos do ReacPon para despexar dúbidas sobre o "plan de transformación máis ambicioso da historia desta Deputación".
Entre outras cuestións a presidenta aclarou diversas cuestións suxeridas desde os concellos referidas preferentemente á súa tramitación. Incidiu en que todas as actuacións deberán estar rematadas a 30 de abril de 2023 e xustificadas o 30 de setembro dese ano, sen posibilidade de ampliar a data, e destacou que as entidades locais poden iniciar xa a licitación dos seus proxectos de xeito anticipado segundo reflicte a Lei de Contratos, algo que animou a facer desde xa para axilizar os prazos.
Indicou tamén que esta axuda da Deputación de Pontevedra si é compatible con outras achegas de carácter público ou privado para a mesma finalidade e que tamén se poden realizar modificacións dos proxectos.
Trala aprobación do ReacPon e o convenio tipo cos concellos, prevista para o 17 de decembro, a Deputación notificará aos municipios vía electrónica a concesión das axudas e serán os concellos os encargados da licitación e adxudicación dos contratos.
Amais, sempre que se cumpran as bases das axudas e a normativa de contratación pública, permitirase aos municipios iniciar a execución dos traballos antes de formalizar o convenio.
Carmela Silva insistiu en que "o ReacPon non é un programa de obras" senon que é un plan de transformación, dotado con 26,33 millóns de euros, "para garantir servizos e dar equipamentos á xente viva onde viva, para xerar actividade económica e crear emprego", en definitiva "para que os concellos poidan encarar a recuperación nas mellores condicións posibles", dixo.
No encontro, celebrado no Salón de Plenos, tanto a presidenta como o vicepresidente agradeceron aos concellos "a calidade e ambición das actuacións presentadas" e pedíronlles "unha axilización máxima para que liciten canto antes as obras".
Das 47 actuacións que se financiarán co ReacPon, 25 son de mobilidade segura, "onde somos a gran referencia de Galicia e do Estado e con este plan a transformación vai ser máis visible"; construiranse 3 bibliotecas; realizaranse 5 obras de reforma de Casas Consistoriais; 5 obras de remodelación de espazos culturais, "unha potente actuación nun cemiterio" e 8 de infraestruturas deportivas.
Ademáis Carmela Silva lembrou que as actuacións do ReacPon son "unha oportunidade para os fondos Next Generation" e indicou que se estudarán as distintas convocatorias para que, en caso de que se permita ás deputacións presentar os proxectos, a de Pontevedra farao aproveitando á súa maior capacidade de xestión e persoal para facilitar a tramitación, pero en caso de que teñan que ser os concellos directamente "nós seremos quen estará detrás apoiándovos", de xeito que se axudará tamén tecnicamente ás entidades locais.
Ao remate do acto, entregouse ás e aos representantes municipais unha guía sobre a tramitación do ReacPon e se emprazou aos alcaldes e alcaldesas a consultar cos técnicos e técnicas do Servizo de Cooperación da Deputación calquera dúbida ao respecto do plan. Neste senso, crearase unha base de datos de preguntas e respostas, tal e como se levou a cabo con outras iniciativas.