Obradoiros con receitas para chuchar os dedos, esta fin de semana no Ganapán do Mercado de Abastos
Por Redacción
Esta fin de semana regresa o programa municipal O Ganapán, que impulsa a concellería de Promoción Económica e Turismo. Desenvólvese na primeira planta do Mercado de Abastos e, nesta ocasión, será a oportunidade para que o público infantil goce de saborosas receitas.
O sábado 20 de novembro realizarase un obradoiro de elaboración de marmelada caseira de mazá, aproveitando que se está en plena tempada. No segundo obradoiro festexarase a chegada do Día Universal da Infancia e elaborarase un boneco en forma de caixa para gardar doces, caramelos e outras larpeiradas.
A proposta para o domingo 21 de novembro no Espazo Gastro céntrase nunha proposta para cociñar galletas con forma de pezas de dominó, ademais de estar riquísimas serven para xogar con elas. Dentro do Espazo Crea proxéctase tamén un obradoiro para crear unhas cuncas personalizadas para decorar os fogares.
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica lembra que estas actividades destínanse a menores con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos. Os obradoiroes desenvólvense en dúas quendas, ás 11.00 e ás 12.30 horas. Para participar é necesario incribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com, antes das 16.00 horas do día anterior á celebración do obradoiro no que se queira apuntar. Desde a organización pídese a todos os participantes que leven unha fiambrera para levar ás súas casas as receitas que elaboren.