Homenaxe para recoñecer o labor cívico de tres veciños de Forzáns polo ben da parroquia
Por Redacción
A Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns recoñeceu o labor cívico e social dos veciños José Fontán, Lucha Belmonte e Santiago Barros, todos eles falecidos xa, pola súa disposición a colaborar en calquera iniciativa para promover e recuperar o patrimonio etnográfico e arquitectónico da parroquia.
A homenaxe realizouse aproveitando a reposición da placa conmemorativa da rehabilitación do Lavadoiro dos Hortos levado a cabo por actuación veciñal, coa colaboración dos homenaxeados.
O presidente da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, Antón Xil, salientou a entrega e a disposición a colaborar destes tres veciños e lembrou a participación activa de José Fontán, Lucha Belmonte e Santiago Barros na recuperación do Lavadoiro dos Hortos e tamén na conservación da toponimia dos distintos lugares, o coidado da campo das festas, limpeza de camiños, restauración de bancos e portas da igrexa, cemiterio, petos de ánimas e muíños.
Antón Xil destacou a entrega solidaria e o impulso desinteresado dos tres homenaxeados en todo tipo de actividades promovidas pola Asociación Cultural de Forzáns e das que formaban parte activa como as celebracións das festas da cacheira, os callos, as excursións e mesmo as actividades culturais e festivas que precisaban da súa colaboración como foi a Feira do Camiño dos Arrieiros-Homenaxe aos Vellos Oficios e a Festa da Batalla.
O acto contou coa presenza dos familiares dos homenaxeados. Tras inaugurar unha exposición fotográfica sobre o proceso de rehabilitación do Lavadoiro dos Hortos, procederon a descubrir unha placa conmemorativa deses traballos levados a cabo no 2010 na que figuran o nome de todos os veciños participantes así como as efixies dos tres homenaxeados. Esta mostra fotográfica foi posteriormente trasladada ao Centro Sociocultural de Forzáns onde permanecerá exposta de xeito permanente.