Poio centra no ámbito educativo e na mocidade os actos do 25N
Por Redacción
A concelleira de Igualdade de Poio, Silvia Díaz, presentou na mañá deste venres a programación a desenvolver para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar o 25 de novembro.
Obradoiros destinados á mocidade, iniciativas de carácter creativo e artístico e a recuperación da tradicional andaina paso a paso libre de violencia de xénero son algunhas das actividades que se desenvolverán no tramo final do mes.
Díaz, que estivo acompañada na presentación polas responsables do Centro de Información á Muller (CIM) e representantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller, explicou que todas estas citas forman parte da campaña ‘Man a man contra Violencias Machistas’.
A través dela “queremos impulsar e consolidar entre a mocidade, o eido educativo, o social e a cidadanía en xeral valores e ferramentas que consoliden a prevención e a eliminación da violencia contra as mulleres”.
A concelleira de Igualdade sinalou que todas estas actividades farán fincapé en cuestións como a visibilidade de desigualdades, os dereitos do colectivo LGTBI ou a supresión de roles e estereotipos sexistas. Para a realización desta campaña contouse cunha achega obtida a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Dentro da programación, o IES cobrará un especial protagonismo. O instituto acollerá varios talleres dirixidos ao alumnado de primeiro, segundo e terceiro da ESO (máis de 300 estudantes en total). Estes dous últimos cursos son os destinatarios dunha das primeiras citas da campaña. Será o 22 de novembro cando se desenvolva o obradoiro de diversidade afectivo-sexual impartido por persoal da Asociación de Familias Galegas Trans Arelas.
Promover o dereito a seren diferentes e dar visibilidade aos problemas de desigualdade que provoca a LGTBIfobia son algúns dos seus obxectivos. O centro educativo tamén acollerá obradoiros sobre violencia na contorna dixital. Ademais, o 24 de novembro o alumnado de primeiro de ESO terá ocasión de participar no ‘Escape feminista’.
“Trátase dun xogo de escape no que as rapazas e rapaces deberán resolver enigmas para poder atopar as chaves da igualdade”, explica Silvia Díaz. A iniciativa, que constará de tres sesións, busca reforzar a prevención de actitudes machistas no ámbito educativo, axudando, deste xeito, “a eliminar determinados roles e evitar estereotipos sexistas”.
Unha das novidades que inclúe a campaña ‘Man a man contra Violencias Machistas’ ten que ver coas actividades destinadas ás asociacións de mulleres que forman parte do Consello Municipal da Muller.
O domingo 28 de novembro organizarase unha exposición aberta ao público, a través da cal se darán a coñecer pezas artísticas e material audiovisual que se irán elaborando ao longo deste mes, grazas á implicación destes colectivos.
“Apostamos pola poesía virtual e a creación artística para transformar ideas, emocións e desexos en imaxes”, indica a edil de Avante Poio. Tamén se elaborará contido específico para difundir a través das redes sociais e postais en soporte físico, que se repartirán polo municipio para identificar as diferentes violencias machistas existentes na actualidade.
Á marxe destas novidades, na programación tamén se inclúe un parón institucional o día 25 de novembro, ás portas do Consistorio, e a recuperación da Andaina Paso a Paso Libre de Violencia de Xénero, suspendida en 2020 pola covid-19.
Esta cita será o domingo 28 de novembro, con saída ás 10.30 horas do Bosque das Mulleres de Lourido e chegada ás 12.00 horas (aproximadamente) á Praza da Chousa de Combarro, onde se procederá á lectura do manifesto. Pechará o acto a artista Lúa Mosquetera cunha accións poética.
Silvia Díaz rematou lembrando que as primeiras 200 persoas que se inscriban na andaina recibirán bolas, chapas, pulseiras, postais e diverso material conmemorativo desta campaña “tan necesaria para continuar avanzando na supresión da violencia contra as mulleres”.