Os espazos verdes de Caldas de Reis reciben dous novos recoñecementos
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis recibiu este mércores dous novos recoñecementos que poñen en valor a súa xestión en materia de patrimonio, turismo e medio ambiente. Por un lado, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, recibiu o recoñecemento que distingue á vila termal con tres flores de honra do certame Vilas en Flor, e ao mesmo tempo o primeiro tenente de alcalde, Manuel González, recibiu en Vigo a 'Q de calidade' pola xestión do Xardín Botánico e a Carballeira outorgada polo Instituto de Calidad Turística Española (ICTE),
O certame Vilas en Flor está impulsado pola Fundación Juana de Vega, seguindo o modelo de países referentes en paisaxismo en Europa, para recoñecer os concellos con mellor xestión e iniciativas para a posta en valor da súa paisaxe urbana e rural.
Na entrega das distincións participaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázques, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique Salvador, así como representantes da organización: Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar).
Un xurado experto no ámbito profesional e universitario realizou diversas visitas aos 30 municipios participantes e analizou aspectos como a implantación e xestión de espazos verdes, ou a contribución das políticas ambientais ao desenvolvemento económico e turístico dos municipios.
Pola súa parte, o primeiro tenente de alcalde, Manuel González, recibiu nun acto en Vigo a 'Q de calidade' pola xestión do Xardín Botánico e a Carballeira outorgada polo Instituto de Calidad Turística Española (ICTE), que valora a xestión municipal de diferentes espazos públicos situados nos Camiños de Santiago. Tamén obtivo a 'Q de calidade turística' o Hotel Roquiño de Caldas de Reis. No acto estiveron presentes a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, e o director xeral do ICTE, Fernando Fraile que lle entregou a acreditación Q.
O alcalde, Juan Manuel Rey, valorou moi positivamente este dous recoñecementos "que poñen en valor a xestión municipal en materia de medio ambiente e de xestión turística do patrimonio cultural e natural. Estes dous recoñecementos simultáneos acreditan os esforzos que estamos a facer na protección do Xardín e da Carballeira, na mellora forestal e paisaxística da contorna de fervenza de Segade e na decoración floral dos espazos urbanos".
O primeiro tenente de alcalde, Manuel González destacou que "o vindeiro ano veranse aínda máis os traballos que estamos desenvolvendo coa execución do proxectos xa redactados de restauración integral do xardín e a carballeira, o proxecto de paisaxismo da Tafona e cos traballos do segundo obradoiro de emprego en Segade, entre outras moitas iniciativas medioambientais do Concello".