Carmen Fouces: "ÿ moi tentador recortar en servizos sociais. Á Xunta nalgún momento teremos que dicirlle basta"
Carmen Fouces asumiu os servizos sociais municipais nunha época, recoñece, nada doada. "ÿ unha responsabilidade dura", explica. Coa crise, moitas familias miran cara a administración para que lle resolva problemas vitais e necesidades básicas. "E recibimos unha aportación económica cada vez máis raquítica e insignificante por parte da Unión Europa, o Estado e a Xunta", lamenta, administracións con competencias en benestar social.
A súa máxima preocupación, di, son os cidadáns que acoden aos servizos sociais en busca de axuda, porque "estamos sufrindo e padecendo con eles a impotencia de non poder chegar a todas as demandas que nos van requirindo", Ante esta situación, que non dubida en cualificar como "tremendamente difícil", insiste en que "facemos o que podemos e utilizamos as medidas máis imaxinativas". Pero iso non lle impide preguntarse "como sería isto en época expansiva, a cantidade de cousas que se poderían facer".
Chegarán casos verdadeiramente dramáticos aos servizos sociais. Hai moitas familias pontevedresas en risco de exclusión social?
Eu creo que neste momento colectivos en risco de exclusión somos todos. O perfil está cambiando totalmente. Están chegando aos servizos sociais persoas que viven nas nosas casas e nos nosos edificios. En calquera momento pode pasar calquera cousa que nos leve a esa situación, porque nos están sorprendendo continuamente con medidas de recortes e reaxustes económicos que quebran as garantías de estabilidade que crían ter determinados sectores da sociedade.
Temos que estar moi pendentes porque en calquera momento se pode producir unha ruptura social importante. Está subindo moito o número de familias con menores que nos piden axuda. E é dramático, porque os adultos podemos ir buscando recursos ou saídas que poidan ir cubrindo as nosas necesidades, pero os menores teñen uns mínimos que hai que cumprir. No caso contrario volveremos a ter nenos ricos e nenos pobres. Algo diso xa podemos localizar.
Preocúpalle especialmente algún colectivo?
Todas as persoas que chegan aos servizos sociais son atendidos por igual. Pero hai un grupo de poboación que me preocupa moitísimo que son as persoas que foron autónomos. Estamos notando un incremento importante dese grupo de persoas que cotizaron moito tempo, a empresa para a que traballaban foi a quebra e quedaron moi hipotecados. Son a parte máis feble da cadea, porque nin sequera teñen desemprego e rematan en servizos sociais unha porcentaxe moi elevada. Iso ata o de agora non estaba pasando.
Normalmente teñen unha rede familiar que os sostivo razoablemente ben durante un tempo pero está comezando a rachar. Están chegando aos servizos sociais pedindo axudas de emerxencia, alimentos básicos. Por iso cando se intenta equiparar o emprendedor ao empresario, me gustaría que se tivera precaución. Estamos falando de situación desesperadas, de xente que está cansa de estar na casa e que se mete en cousas empurrada pola presión e sen apoios económicos suficientes. Se ese proxecto non vai arriba, a situación é dramática. Estamos inflando outra burbulla, a do mal chamado autoemprego.
"A nós nos gustaría facer o que nos compete facer. Estamos poñendo moitos cartos en competencias que non son nosas. Merma moito a nosa capacidade de traballo"
E o Concello é capaz de asumir este aumento na demanda de atención?
A nós nos gustaría facer o que nos compete facer. Creo que temos cartos suficientes para poder asumir as competencias que nos corresponden. O podemos facer e o podemos facer ben. Que está pasando? Que estamos poñendo moitos cartos en competencias que non son nosas, o que merma moito a nosa capacidade de traballo. Hai cantidade de cousas que temos que facer e nos vemos moi limitados porque o gran montante de diñeiro vai asumir responsabilidades da Xunta ou doutras administracións.
E vistos os orzamentos da Xunta, cre que esta situación vai cambiar?
Non. A Xunta o ten moi fácil. ÿ moi tentador recortar en servizos sociais. Porque o que estás colocando son os concellos diante dos cidadáns e eles están parapetados nos seus despachos facendo os seus papeliños, xogando cos orzamentos. Xa virá o concello a solucionarme o problema. E nós temos que sacar diñeiro de partidas propias como o alumeado, o lixo ou demais para suplir estas carencias. ÿ un camiño que non sabemos que retorno vai ter. Nalgún momento determinado os concellos terémonos que plantar e dicir que non podemos asumir máis cousas. Ese é un problema gravísimo nestes momentos.
Nos últimos meses o Concello ven denunciando a situación da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD). Enmárcao nesta postura do goberno galego?
Ese é un exemplo claro. Leva 23 anos funcionando e empezou cunha colaboración estreita entre o Sergas e os concellos. A droga, naquela época, era unha lacra social. Había que asumir unhas responsabilidades. Pero agora son centros exclusivamente sanitarios. Todo o sistema é do Sergas. E nós non podemos cambiar nada. Por exemplo, a min preocúpame moito como se está disparando o alcoholismo na cidade. Pero eu non podo ir a UAD e dicir quero reforzar o programa de alcoholismo. Ten que ser o Sergas o que dea esa orde. Nós estamos só para poñer diñeiro. Eles terán que reestruturalas como lles pareza oportuno, pero nós non podemos estar metendo a man no peto permanentemente.
Sería o mesmo caso, cre, do recorte nos libros de texto ou nas axudas á dependencia?
Por suposto. Todo os recortes que están chegando van repercutir na xente. E aínda recortarán un 25% máis as axudas. A Xunta cre que son improdutivas porque o gasto de xestión é tan inmenso que non controlan se van ás familias que máis o precisan. Están recuando pero pola vía de ir quitando cartos, en lugar de artellar outro sistema. E o dos libros de texto paréceme gravísimo. ÿ o retroceso más grande dos últimos anos. Nós sacamos un banco de libros de texto como forma de utilizar aquelas cousas que aínda teñen valor. Vai máis ala dun contexto de crise, é de sentido común.
"Os orzamentos da Xunta son tan desesperanzadores que hai que respirar moitas veces antes de tomar unha decisión, porque podes prexudicar a moita xente"
E ata cando poderemos aguantar esta situación social?
Os orzamentos da Xunta son tan desesperanzadores que hai que respirar moitas veces antes de tomar unha decisión, porque podes prexudicar a moita xente. Nos nosos orzamentos non hai un ápice de recorte en materia social. Imos coller eses cartos e seguir traballando. Pero eles terán que ter coidado porque isto lles pode resultar caro se non miden ben as súas forzas. Ata cando? Non o sei. Hasta onde poidamos, pero chegará un momento que teñamos que dicir basta. Haberá que tomar unha decisión contundente se non moven ficha.
Vostede fala da Xunta, pero nas últimas semanas o Partido Popular intensificou as críticas contra a súa concellería, especialmente polo funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar...
Eu creo que están intentando buscar un oco a ver se nalgún sitio poden furar. Me parece lícito, son oposición e teñen que facelo. Pero teñen que ser responsables. Eu por carta, por escrito e persoalmente lles dixen que teñen toda a concellería a súa disposición. O que queiran, tivérono sempre. E en ningún momento fixeron nada por coñecer o SAF, como é o contrato, como se fiscaliza, como se detectan e se solucionan os error, que expedientes están abertos Non mostraron nunca o máis mínimo interese.
Só me preocupa que as persoas usuarias sintan a máis mínima preocupación. Por agora non se está dando, saben que teñen un servizo que funciona ben. Están ben atendidos e non teñen problemas. Pero é xente maior, vive soa, preocupada pola súa pensión ou polo copagamento sanitario. Que un servizo que lle dá tanta tranquilidade esté en entredito, temo que poida asustar a alguén. A preocupación do PP polo SAF é o menor dos problemas que teño enriba da mesa. Oxalá fose o maior porque iso significaría que o resto está moito mellor.
Dentro deste contexto social, que papel xoga a Rede Axuda?
Foi unha idea moi sinxela pero que deu un resultado moi bo. Foi poñer ao redor da mesa a todas as asociacións que estaban traballando na cidade e intentar entre todos traballar con sinerxías para non duplicar esforzos e cortar, por que non dicilo, certa picaresca que había. Estamos agora traballando co protocolo de frío e coa campaña de Nadal. Facemos un traballo de rede, de sociedade. Ese é o núcleo duro deste concello, a cohesión social.
A Rede Axuda leva funcionando apenas ano e medio. Agardaba tan boa resposta por parte da sociedade?
ÿ impresionante a resposta das persoas, temos colaboradores permanentes. Incluso xente de fóra do noso concello. Todos sabíamos que latexaba por aí algo que a xente estaba desexosa de encauzar e dimos coa idea. O máis importante é que chegamos no momento adecuado os actores necesarios. Tamén teño que dicir que a rede é o que é grazas aos medios de comunicación. Non pedimos que tiveran un tratamento mais cariñoso, fixérono de motu propio. Asumiron que era a forma na que podían axudar.
"Moitas das denuncias que antes ían aos xulgados de violencia contra a muller, estanse tipificando como faltas. Estamos nunha situación de retroceso"
Non me gustaría acabar esta entrevista sen falar da violencia de xénero. Acércase o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. En que situación se atopa Pontevedra con respecto a esta lacra social?
Estamos nunha situación de retroceso. Estamos mal porque moitas das denuncias que antes ían aos xulgados de violencia contra a muller, estanse tipificando como faltas. Se están falseando datos e presentando unha suposta rebaixa de casos de violencia dentro do ámbito da familia, no domicilio conxugal e dentro da parella. Tratan de lavar a cara a uns datos que son moi vergoñentos. O CIM está detectando esta problemática, atopamos moitos casos.
Temos problemas ademais coa Consellería de Educación para escolarizar aos nenos, porque piden unha serie de documentación que ten que aportar o agresor, deixando indefensa á vítima. Ou tamén case se está incitando a que as mulleres cheguen a acordos pre xudiciais, baixo ameaza de que haberá bastante severidade xulgando. Debemos analizar profundamente o que pasa e deseñar unha estratexia.
Sempre se di que a maior independencia económica da muller con respecto ao home axudou a que moitas vítimas deran un paso adiante. Cre vostede que a crise económica freou esa concienciación?
As mulleres son dependentes economicamente porque son en moitos casos as que sosteñen con economía somerxida o entorno familiar. Pensan no benestar dos seus fillos e pasan por riba do seu. Pero insisto, o peor é que aquelas que dan o paso de denunciar, atópanse con impedimentos legais e xudiciais que complican moito a súa situación. E outra problemática que nos preocupa é que a violencia entre os adolescentes está aumentando de forma alarmante. Iso é o que nos trasladan os mestres. Teremos que facer máis fincapé nas campañas nos institutos e tratar de atallar ese problema antes de que bote por terra todo o traballo de estes últimos anos.