A Deputación abordará nunha xornada os "retos máis importantes do turismo: sostibilidade e dixitalización"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves as cuartas xornadas TurisTIC que teñen por obxectivos impulsar a competitividade do sector turístico e incrementar a aposta por solucións tecnolóxicas para mellorar a súa xestión, accesibilidade e sustentabilidade.
A cita será o próximo día 2 de decembro no Museo de Pontevedra.
"Teremos unha visión global dos retos máis importantes do turismo: sostibilidade e dixitalización", avanzou a presidenta provincial.
Ademais divulgarase a Carta de Dereitos Dixitais elaborada por un grupo de expertos convocado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital como marco de referencia para garantir os dereitos da cidadanía na nova realidade dixital.
TurisTIC é unha iniciativa, enmarcada nas liñas do Plan estratéxico de turismo, para seguir apostando por un turismo de calidade, sostible e innovador, que se referenda coa nova posición da Deputación de Pontevedra como única entidade galega que é integrante da Comisión Executiva da Rede Nacional de Destinos Turísticos Intelixentes, organismo que definirá o modelo de turismo do futuro.
A xornada estará presentada por Yolanda Vázquez e contará con profesionais do sector turístico e novas tecnoloxías en 2 mesas redondas sobre "Turismo responsable na nova normalidade" e "O protagonismo do dato no novo ecosistema turístico".
Ademais programouse a conferencia "Hiperpersonalización para un territorio intelixente e sostible" a cargo de Esther Rodríguez, cofundadora de My Street Book. Esta arquitecta de formación, é tamén investigadora na Universidade Politécnica de Madrid, desenvolvendo sistemas intelixentes para a edificación e coordinando propostas europeas de I+D+i. Ten importantes recoñecementos e foi seleccionada na lista Business Insider de 2019 das "29 españolas menores de 35 anos chamadas a revolucionar a tecnoloxía, finanzas e política", segundo destacou Carmela Silva.
Relacionadas:
-
A Boa Vila e Terras de Pontevedra incorpóranse á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes
Por Redacción |
-
A actividade dixital e a personalización da oferta turística focalizan a cuarta xornada Turistic
Por Redacción |
-
Os gobernos locais terán á súa disposición 73,5 millóns de euros co novo Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |
-
O vídeo promocional 'Sigue o teu instinto' xa suma unha decena de premios internacionais
Por Redacción |
-
Manuel Campos pretende establecer alianzas para impulsar o sector do termalismo
Por Redacción |