Caldas prepara a decoración das rúas para o Nadal coa participación veciñal
Por Redacción
Despois do éxito acadado en plena pandemia polas iniciativas veciñais de Nadal, este ano son moitos máis os veciños que queren formar parte desta iniciativa comunitaria, ampliando considerablemente as rúas e os espazos que terán algunha decoración singular.
Na reunión realizada a pé de rúa, moi animada e participativa, na que asistiron o propio alcalde e as concelleiras Inés Fuentes e María López, valoráronse diferentes propostas nas que o Concello colaborará cos medios técnicos e materiais que sexan necesarios, facilitando ao mesmo tempo o asesoramento dunha decoradora que priorizará os materiais naturais e sostibles establecendo algúns criterios comúns.
Pola súa parte, a Asociación Amigos do Nadal e a Asociación da Hostalería coa colaboración do Concello convocan o II Concurso de Decoración de Nadal de xanelas, balcóns e fachadas, con premios para consumir nos establecementos comerciais e hostaleiros de Caldas.
Tamén se convoca a cuarta edición do concurso de beléns tradicionais nos escaparates do comercio local, organizado e patrocinado pola empresa Rogomóvil, coa colaboración da Asociación Amigos do Nadal e Caldas Centro Comercial Aberto. Na pasada edición participaron 30 comercios e os organizadores confían que esta cifra sexa superada.
A iluminación navideña que instala o Concello con tecnoloxía LED acenderase o venres 3 de decembro e as diferentes decoracións de rúas completaranse a partir desta data.
O alcalde, Juan Manuel Rey, celebrou "o entusiasmo da veciñanza por facer de Caldas unha vila acolledora e dinámica tamén nestas datas festivas tan especiais, que convidan a pasear polas rúas de Caldas dinamizando o comercio e a hostalaría local, e animou ao conxunto da cidadanía a sumarse a esta iniciativa comunitaria".