Regresa a campaña (en)Volve, para que ningún neno pontevedrés quede sen agasallo este Nadal
Por Redacción
Un Nadal máis, regresa a Pontevedra a campaña (en)Volve, que naceu co obxectivo de atopar cómplices entre a poboación da cidade para que ningún neno, nena ou adolescente en situación ou risco de exclusión social quede sen o seu agasallo.
A campaña é froito da colabración entre a Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Fundación Meniños e este ano, como nos anteriores, o concelleiro da área, Marcos Rey, agarda contar coa colaboración da cidadanía e que os pontevedresas "se envorquen cos que menos teñen nestas datas tan especiais".
A campaña xa está en marcha para poder planificar con tempo e facilitar que sexa segura para todas as persoas implicadas. Así, ao igual que na edición anterior, só se enviarán cartas vía whatsapp para evitar o contacto presencial coas familias ata o momento da entrega dos agasallos.
Durante o pasado Nadal, 711 persoas colaboraron coa campaña participando como cómplices dos Reis Magos e 633 nenos, nenas e adolescentes recibiron un agasallo novo na noite de Reis.
O concelleiro de Benestar Social calcula que, coa promoción de que as compras se realizasen no comercio local, "supón unha estimación de 22.000 euros de ingresos para os establecementos comerciais de proximidade".
Benestar Social realizou unha enquisa na que un 99,5% das persoas participantes se comprometeu a participar noutras campañas e o 85,9% puntuaron cun 10 a campaña.
As persoas que pasen a ser cómplices recibirán unha carta dun menor na que pida tres agasallos e deberá escoller un que estea valorado en arredor de 40 euros.
Unha vez mercado o agasallo, deberá levalo á Casa Azul (rúa Sor lucía nº2. Fundación Meniños) nun prazo máximo de dúas semanas despois da recepción da carta e acompañalo polo ticket por se fose necesario cambialo por estar defectuoso.
O formulario para inscribirse na campaña pode atoparse na seguinte ligazón.
Calquera dúbida pode realizarse por whatsapp nos números de teléfono 678754933 ou 604081472.
Relacionadas:
-
O comercio local protagoniza un Conto de Nadal de Pontevedra e pono en escena na praza do Teucro
Por Redacción |
-
Decorar os escaparates de Nadal terá premios de ata 1.500 euros en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Deputación levará o Apalpador a 45 concellos da provincia este Nadal
Por Redacción |
-
A campaña (en)Volve permitirá que 633 nenos e adolescentes reciban agasallos na noite de Reis
Por Redacción |
-
Meniños completa o número de cómplices para agasallar a menores de familias desfavorecidas
Por Redacción |
-
Os Reis Magos xuntan máis cómplices que nunca e recadan 400 agasallos
Por Redacción |