O camiño da Xunta cara unha maior innovación nas empresas fai parada en Ponte Caldelas
Por Redacción
O municipio de Ponte Caldelas foi este xoves parada da iniciativa Camiño da innovación, coa que a Xunta de Galicia busca impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas situadas fóra dos núcleos urbanos para mellorar a súa competitividade.
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, instou ás pemes das comarcas do Morrazo, O Salnés, Pontevedra e Vigo a innovar para ser competitivas, xa que a innovación determina a capacidade para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e medrar.
Argerey apuntou que as pequenas e medianas empresas, como motor da economía galega, supoñen unha prioridade máxima para a Xunta de Galicia e sinalou que, para acompañalas no proceso da innovación, púxose en marcha o Programa de Impulso da Innovación nas Pemes, no que se enmarca esta iniciativa 'Camiño da innovación'.
'Camiño da Innovación' realizará 18 paradas en distintos puntos da xeografía galega entre os meses de novembro e decembro e presenta a experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes locais que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.
Na cita de Ponte Caldelas participaron as empresas Algas Atlánticas Algamar (especializada na recolección, secado e elaboración de algas mariñas para uso alimentario) e Kiwi Atlántico (maior produtora de kiwi de España).