Propoñen ceder os quioscos abandonados a asociacións culturais e veciñais
Por Redacción
Que os quioscos abandonados na cidade poidan ser utilizados por asociacións culturais, deportivas ou veciñais. É a proposta que lle trasladará ao Concello a asociación de veciños O Chedeiro de Cerponzóns.
"Estamos seguros de que na nosa parroquia e nas outras sería de moita utilidade ter un destes quioscos para utilizar as asociacións das parroquias", afirman desde este colectivo, que lamentan que estes quioscos estean en total desuso e non poidan ter unha segunda vida.
Trasladan que o seu uso por parte destes colectivos "serían para beneficio de toda a veciñanza" porque neles, entre outras cousas, poderían informar das súas actividades, dar de alta a novos socios ou recoller información sobre os problemas que teñen os veciños.
No caso concreto de Cerponzóns, afirman desde O Chedeiro, un quiosco así sería de utilidade para todos os colectivos da parroquia e mesmo para aloxar libros da súa biblioteca.
Ademais, sinalan que será un lugar "idóneo" para calquera ONG que queira achegarse á zona para informar da súas actividades no eido social.
"Do que se trata é poder aproveitar unhas infraestruturas que nos poden dar un bo servizo e que tal como están hoxe en día é unha pena velos así", conclúe a asociación veciñal.