Concienciar os escolares contra a violencia machista, obxectivo de Bueu este 25N
Por Redacción
Cine, a presentación dunha guía de novas masculinidades, obradoiros para a rapazada e vídeos con temática de igualdade conforman a programación deseñada polo Concello de Bueu con motivo do 25 de novembro, día internacional pola eliminación da violencia contra a muller.
Estas actividades terán un foco especial nos escolares "porque é importante traballar a concienciación", subliña a edil de benestar social e igualdade, Ana Isabel Otero.
Esta liña de acción manifestarase a través de obradoiros de varias temáticas de igualdade que se impartirán ao longo destes meses nos centros educativos da vila, e tamén nas "cápsulas da igualdade", unha serie de curtametraxes que se difundirán na canle municipal en Youtube.
Nelas abordaranse, co testemuño de diversos profesionais, a atención e protección de vítimas de violencia de xénero, o ordenamento xurídico ante esta problemática, un decálogo sobre videoxogos non sexistas, e algunhas pautas para a correcta utilización das redes sociais.
A programación iniciarase o mércores 24 de novembro, cando se proxectará Yo, Tonya, do cineasta Craig Gillespie, unha biopic sobre a patinadora Tonya Harding na que se abordan cuestións como o abuso e a culpabilidade que recae nas mulleres nunha sociedade patriarcal.
O filme proxectarase no Centro Social do Mar ás 20.00 horas, coa colaboración do Cineclub Bueu e a entrada será de balde.
Ao día seguinte, 25 de novembro, está prevista ás 12.00 horas unha concentración silenciosa na Praza do Concello, na que se dará lectura ao manifesto en repulsa aos asasinatos machistas.
Ese mesmo día, o Centro Social do Mar acollerá a proxección do documental Agullas. Historias de supervivencia persoal, elaborado polo Concello de Bueu hai dous anos.
Cunha duración de 70 minutos, este audiovisual recolle os testemuños de tres mulleres vítimas de violencia de xénero, ademais de seis expertas.
E o 2 de decembro, ás 19.00 horas, a sala multiusos do Centro Social do Mar acollerá a presentación da Guía básica de corresponsabilidade e novas masculinidades, un libro que se editou dende o Concello e no que se recollen os testemuños de José Castro, Luis Davila, Arturo Sánchez, Antón Guitián e Félix Juncal, alcalde de Bueu.
Todos estes homes bueueses apelan a un concepto de masculinidade afastado da hexemónica, e que permita a convivencia en igualdade coas mulleres.
Relacionadas:
-
Unha réplica do camión-cine que o cineasta José Gil levaba por toda Galicia chega a Cuntis
Por Redacción |
-
Concentración feminista en Bueu para celebrar o Día da Muller o vindeiro martes
Por Redacción |
-
Marín prepárase para o 25N
Por Redacción |
-
25N | Bueu concéntrase en silencio e apela á educación para "erradicar" a violencia machista
Por Redacción |