As escolas unitarias, a tan só un clic do 061
Por Redacción
Todas as escolas unitarias e os colexios rurais agrupados que estean atendidos, de xeito habitual, por un único docente contarán a partir de agora cun botón de alerta que poderán activar os nenos en caso de emerxencia e que enviará un aviso inmediato ao 061.
Tras activarse o dispositivo, os servizos de emerxencia enviarán os equipos oportunos ao colexio e ao mesmo tempo daranlle instrucións ao nenos a través dun altofalante.
Unha das escolas que xa conta con este sistema é a Escola de Educación Infantil de Amil, en Moraña, que visitaron este venres os conselleiros de Educación e Sanidade, Román Rodríguez e Julio García Comesaña.
Ambos destacaron que este dispositivo "vai redundar na seguridade e na tranquilidade da comunidade educativa" ao mellorar a formación do alumnado e do profesorado á hora de afrontar calquera situación de emerxencia.
"Somos conscientes de que tanto o alumnado como o profesorado pasan unha gran parte do seu tempo nos centros educativos e por iso é imprescindible saber responder de maneira áxil e axeitada a este tipo de emerxencias ou eventualidades", subliñou o titular de Educación.
A Xunta ten dispoñibles un total de 175 botóns -151 deles xa repartidos- para estas escolas unitarias e colexios rurais agrupados, pero estanse analizando as necesidades de cada centro caso a caso para implementar o botón "en todos os lugares onde sexa necesario".
Todos os centros que cumpran cos requisitos disporán dun botón de alerta instalado na parede da súa aula que os alumnos poden premer se o seu profesor se atopa indisposto, por mor dun esvaecemento, un mareo ou outra emerxencia.
Outra das funcionalidades do botón é que pode descolgarse da parede, o que pode ser útil no caso de que se estea realizando una actividade no exterior do centro.
Esta ferramenta forma parte dun paquete de medidas de seguridade que se están actualizando como os programas de reanimación cardiopulmonar na aula e de alerta escolar.
A respecto destas dúas iniciativas, Julio García Comesaña destacou que o programa de alerta escolar vela pola saúde de todo o alumnado galego que padece algunha patoloxía crónica, o que permite que tanto as familias como o profesorado "gañen en tranquilidade ao saber que hai un protocolo de actuación rápido e seguro".
Desde a súa implantación, no ano 2007, inscribíronse neste programa un total de 7.899 estudantes, que se distribúen nas seguinte patoloxías: 3.623 con alerxías, 2.603 con epilepsias, 1.006 con diabetes e outros 600 alumnos que padecen diferentes tipos de doenzas.
Durante o presente ano, a central do 061 recibiu un total de 1.249 chamadas ao abeiro deste programa.
No que atinxe ao programa RCP na Aula, a Xunta de Galicia vén de renovar por catro anos -prorrogables a outros catro máis-, un programa de formación no que tras instruír ao profesorado, os docentes trasládanlle aos alumnos os coñecementos sobre primeiros auxilios e o uso de desfibriladores externos automáticos.
Entre as novidades referidas a este programa, o titular de Sanidade destacou que, se ben anteriormente só se impartía ao profesorado de Educación Física, agora ampliarase ao conxunto do profesorado e, ademais, a Xunta de Galicia emitirá títulos formativos a cada un dos profesionais do ensino que superen a formación.