As familias do Álvarez Limeses piden o peche preventivo do colexio ante un "crecemento exponencial da covid"
Por Natalia Puga
O CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra era, no último parte oficial da Consellería de Educación, o centro educativo con maior incidencia de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Tiña, no balance semanal do mércores, 17 casos activos e tres aulas pechadas e nos dous últimos días detectáronse máis casos dos que non hai confirmación oficial.
Ante esa situación, a ANPA Joaquín Costa que aglutina ás familias do colexio reclama ás autoridades competentes espallar o cribado realizado entre alumnado de educación infantil tamén a estudantes de primaria e proceder ao peche preventivo do centro educativo.
As familias confirman un "crecemento exponencial da covid" no colexio e aseguran non entender por que tras unha semana de incremento no número de nenas e nenos contaxiados e mesmo de profesoras e profesores "non se teñen tomado medidas máis drásticas".
A asociación asegura que o centro cumpre cos protocolos da Xunta "ao milímetro" e "xa fixo estas reclamacións".
Insisten ademais en que o cribado realizado en infantil é "insuficiente", pois hai moitas nenas e nenos desta etapa educativa en corentena con irmás e irmáns maiores, en primaria, que seguen asistindo ao centro educativo. Nesta liña, aseguran que xurdiron novos positivos deste cribado, o que reafirma a súa postura.
"Sen realizar probas PCR ao alumnado de primaria descoñecemos por completo o alcance real do gromo", sosteñen as familias, que ante este descoñecemento do alcance real do gromo piden que se tomen medidas preventivas máis amplas. Por iso é polo que propoñen o peche temporal do centro educativo.
A asociación insiste en que con ese peche "estaremos evitando que se sega a espallar o virus, fundamentalmente, entre persoas asintomáticas".
Relacionadas:
-
A covid-19 dispárase no Grove con 30 casos activos e leva a organizar un cribado
Por Redacción |
-
A pandemia mantense á alza con 246 casos activos e 7 hospitalizados na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
A semana iníciase con 225 casos activos de covid na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Soben a 6 os hospitalizados por covid, co primeiro ingreso en UCI desde o 27 de outubro
Por Diego Espiño |
-
28 contaxios por covid nun día, con 4 hospitalizados na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
124 casos activos, este mércores 17, na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés con tres persoas ingresadas en planta hospitalaria
Por Redacción | Creada e actualizada