Maica Larriba destaca a figura de Emilia Pardo Bazán como un referente para a mocidade
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reivindicou este venres a figura de Emilia Pardo Bazán como referente actual para a mocidade da provincia. Expresouno así durante a lectura de textos da escritora vinculados á loita contra a violencia de xénero realizada por unha vintena de alumnos do IES A Xunqueira I de Pontevedra no Salón de Actos da Subdelegación do Goberno.
Acompañada por Milagros Lores Torres, profesora de Literatura da UNED de Pontevedra que realizou unha introdución á figura desta autora, Maica Larriba quixo reivindicar a actualidade desta escritora cando se cumpren cen anos do seu falecemento.
A iniciativa enmárcase no programa de actos da Delegación do Goberno en Galicia e as catro Subdelegacións con motivo da celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
1.266 CASOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO NA PROVINCIA
Na actualidade na provincia rexístranse 1.266 casos activos de violencia de xénero, segundo os datos que constan no Sistema de Seguimento Integral VioXén.
Atendendo a distribución das vítimas por grupos de idade, 15 son menores de 18 anos; 326 teñen entre 18 e 30 anos; 551, entre 31 e 45 anos; 333, entre 46 a 64 anos; e 41, 65 anos ou máis. Ademais, no que vai de ano, o 016 – o servizo gratuíto e telefónico de información e de asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero- recibiu 950 chamadas desde a provincia.
A subdelegada quixo chamar a atención sobre "o preocupante aumento no numero de vítimas de violencia de xénero menores de idade".
Neste sentido, Larriba subliñou a "importancia que continúa a ter traballar a prol dunha maior concienciación e sensibilización; porque por desgraza a violencia contra as mulleres segue producirse, en todos os grupos e a todos os niveis, e só con educación e sensibilización poderemos conseguir unha sociedade libre de todo tipo de violencias machistas".
Relacionadas:
-
A UNED fortalece a súa actividade con cursos divulgativos e de preparación laboral
Por Redacción |
-
A mocidade retrata as manifestacións máis crueis da violencia vicaria contra as mulleres
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Marín prepárase para o 25N
Por Redacción |
-
"Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven"
Por Oskar Viéitez |
-
Alumnado de Vigo, Pontevedra e Soutomaior gaña o concurso escolar contra a violencia de xénero
Por Redacción | Creada e actualizada