Artistas urbanos cambian a rúa pola Praza de Abastos

Por Redacción

© Concello de Pontevedra

© Concello de Pontevedra

© Concello de Pontevedra
A Concellería de Promoción Económica e Turismo vén de poñer en marcha 'O Mercado en Graffiti', unha iniciativa para embelecer os accesos á Praza de Abastos de Pontevedra cando as verxas dos negocios da planta baixa pechan.
Para iso, o departamento dirixido por Yoya Blanco contactou con O'Ras, Pow, Asten, Ozono, Sax e Santi Paredes, recoñecidos artistas urbanos, para colaborar e realizar o embelecemento con temáticas vencelladas ás profesións tradicionais do Mercado e inspiradas nos produtos e servizos concretos ofertados polos diferentes postos e comercios (o mar, a terra, a nosa gastronomía, a elaboración de pan, tecidos, xoias, reloxos, prensa...).
A edil destaca que esta intervención busca que o edificio "resulte atractivo en todo o momento, haxa máis ou menos actividade no seu interior" xa que "os postos e negocios da planta baixa teñen un horario de actividade diferente aos do Gastroespazo, e cando están pechados, esa visión gris das verxas baixadas pode dar a idea de que todo o Mercado está pechado. A presenza destes graffitis convidará a clientes e visitantes a achegarse e a manter as portas da Praza abertas de par en par, tamén cando só os negocios do primeiro andar están abertos", subliña.
Finalmente, Blanco sinala que estas intervencións artísticas, que contarán cunha inversión de 10.720 euros, estarán totalmente rematadas nos vindeiros días. "O resultado dos primeiros traballos xa lle logrou mudar a faciana ao Mercado, que amosa o seu mellor sorriso", recoñece.