O Servizo de Orientación Laboral de Poio asesorou máis de 700 persoas no último ano
Por Redacción
O Servizo de Orientación Laboral de Poio, coordinado a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, prestou asesoramento a máis de 700 persoas entre novembro de 2020 e o mes actual.
Así o confirmou o edil delegado desta área, Gregorio Agís, que tamén fai un balanzo moi positivo das iniciativas impulsadas desde a súa área á hora de ofrecer formación e asesoramento a novos emprendedores e persoas en busca activa de traballo, como foron os diferentes obradoiros formativos desenvoltos nas dependencias da Reiboa ou o Proxecto Senda 2021, entre outros.
Outro dos feitos nos que fai fincapé Gregorio Agís é no "bo funcionamento da Bolsa de Emprego" impulsada polo departamento. Trátase dunha ferramenta "moi útil", a través da cal búscase informar, dinamizar e axudar á veciñanza "a atopar e participar en procesos selectivos para obtención de emprego".
Deste xeito, as persoas que se se inscriben nesta bolsa aportan información sobre a súa formación e a súa experiencia. "Son datos que resultan útiles para establecer perfís dos e das solicitantes e, deste xeito, saber a que postos de traballo teñen máis opcións de chegar", sinala o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo.
A través desta Bolsa de Emprego achegouse á cidadanía información sobre postos tanto en entidades públicas como privadas, como foi o caso do novo hipermercado do Centro Comercial A Barca, que abrirá as súas portas nos vindeiros días, así como de empresas vencelladas á automoción ou á hostalería. "Son ofertas de emprego que non se reducen exclusivamente ao concello de Poio, senón que tamén proveñen de firmas doutros lugares como Vigo, Sanxenxo ou Vilagarcía de Arousa", sinala Agís.
De cara ao ano 2022, a Concellería de Promoción Económica continuará achegando "todas as facilidades e ferramentas que estean ao noso alcance para facilitar a obtención de postos de traballo entre os nosos veciños e veciñas".
Neste sentido, o concelleiro socialista destaca que no mes de setembro do presente ano a taxa de paro baixou en Poio quedou fixada por debaixo do 12%, un feito que non se producía desde hai máis dun lustro e que supón unha caída en catro puntos con respecto a 2020.
"É un dato que hai que continuar reducindo, pero que é esperanzador no sentido de que nos marca a liña a seguir", asevera Gregorio Agís, que tamén destaca a colaboración existente entre o Concello e o sector privado á hora de impulsar iniciativas.
O edil de Promoción Económica pon como exemplo a sintonía existente con colectivos como a Asociación de Empresarios EnPoio, co cal o departamento municipal colabora á hora de impulsar actividades formativas de diverso tipo. Ademais, cómpre lembrar que as instalacións do Centro de Formación da Reiboa experimentaron en 2021 unha importante renovación, grazas a unha serie de reformas que permitiron pasar a contar cunha aula de informática e melloras no eido da mobilidade.
Relacionadas:
-
A Aula Mentor de Poio ofrecerá trinta cursos formativos
Por Redacción |
-
Recibidas máis de 20 reclamacións sobre a fibra óptica en Poio desde a apertura do punto de información municipal
Por Redacción |
-
O Proxecto Senda 2021 rematará cunha xornada de intercambio de bens e produtos
Por Redacción |
-
Case 800.000 euros de fondos europeos para que Poio renove o alumeado municipal
Por Redacción |