O PP de Pontevedra, de visita na planta de Sogama
Por Redacción
Os concelleiros do Partido Popular Rafa Domínguez, Pablo Fernández e Gerardo Pérez visitaron as instalacións da empresa pública de xestión de residuos Sogama, en Cerceda, para coñecer de primeira man o seu labor e informarse sobre os datos de reciclaxe relativos á cidade de Lérez.
Os edís foron recibidos polo presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino e o director xeral, Isidro García Téllez.
Ademais dunha detallada explicación das tarefas que levan a cabo na planta, centráronse no relativo á xestión sostible dos residuos urbanos, tratando sobre os datos que deixa a cidade de Pontevedra.
Neste sentido os populares aseguran que o modelo de recollida de lixo porta a porta que propoñen "diminuiría un 25% o recibido do lixo", sinalou Rafa Domínguez.
O portavoz local da formación asegurou tras a visita que "nos queda unha ampla marxe de mellora. Hai que apostar pola educación e concienciación. Cremos que na redución e a valorización dos residuos tamén se ten que implicar o Concello".
Segundo sinala o PP tamén se tratou no encontro a futura xestión centralizada da compostaxe de Sogama, o cal lle parece a Domínguez "unha boa solución para Pontevedra".