Carballedo rende homenaxe á restauradora Inés Vidal polo seu "esforzo, traballo e dedicación"
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado polo xornalista e crítico gastronómico Guillermo Campos, así como polos veciños de Carballedo e representantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal, presidiu este sábado un acto de descubrimento dunha placa en homenaxe a Inés Vidal Lois, propietaria de Casa Inés recentemente falecida. Ao acto non faltaron as súas fillas Andrea, Inés e Lila Cuíñas Vidal.
O rexedor iniciou o acto referíndose a Inés Vidal como "unha desas mulleres pioneiras en poñer o noso concello no mapa a través da gastronomía, un trato humano exquisito e unha gran xenerosidade. Ela e as nosas avoas foron quen de facer un esforzo extraordinario en ir vertebrando o territorio, axudando a construir parroquia e concello".
Con este acto, o pobo quere "facer un recoñecemento público á memoria dunha persoa que co seu traballo, o seu esforzo e dedicación axudou a poñer a Carballedo e ao noso concello no mapa gastronómico de Galicia. Queremos que esta placa testemuñe o cariño do noso Concello e o noso agradecemento eterno por unha persoa que estivo ao pé do canón prácticamente ata o último instante", indicou Cubela.
A continuación, Guillermo Campos confesou que non podía ser obxectivo "porque teño moita emotividade á hora de pensar en Casa Inés" e relatou os vencellos que desde mozo lle unían a Casa Inés como punto de referencia social.
Ademais, o xornalista destacou a personalidade e o "humanismo" de Inés Vidal e como o seu carácter cercano á veciñanza a definía, a modo de estilo persoal e marca da casa a súa atención á clientela. "Inés estaba moito máis preocupada polo resultado gastronómico dos seus platos que por presentar a nota. Coa súa personalidade e humanidade era unha excelente relacións públicas. Percorría as mesas preguntando e interesándose polo grao de satisfacción dos seus clientes". Así mesmo, nos fogóns "foi quen de combinar axeitadamente ciencia, coñecemento e inspiración para conseguir que os seus pratos deran resposta á demanda dunha cociña tradicional galega, saborosa e de calidade".
O acto rematou coa lectura da inscrición da planca onde se recolle "que os sabores da terra, remol do lume, as portas abertas, as conversas sabias garden o eco e a memoria de Inés Vidal Lois que nesta casa naceu, morou, traballou; que partíu dela. 1925-2021. Os seus veciños e o Concello de Cerdedo-Cotobade".