O voluntariado axuda a erradicar o eucalipto nos montes de Vilaboa
Por Redacción
A eliminación do eucalipto foi o motivo dunha nova xornada de voluntariado organizada pola Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa. Os abrochos foron eliminados de forma manual e sen herbicidas nunha parcela de 1 hectárea que conta xa cunha plantación de castiñeiros.
O voluntariado, composto por veciñanza de Vilaboa e concellos limítrofes, realizaron a terceira limpeza manual para o control e erradicación da especie nunha plantación dedicada á produción de castaña.
A nova plantación de castiñeiros enxertados con variedades tradicionais para a produción de froito tamén foi realizada coa axuda de comuneiros hai case un ano, así como as dúas xornadas anteriores de limpeza de eucalipto.
Este terreno fai parte das 2 hectáreas dedicadas na actualidade á produción de castaña tradicional, superficie que se irá incrementando nos próximos anos até chegar ás 14 hectáreas.
A Comunidade de Montes de Vilaboa valora positivamente esta experiencia e estuda a posibilidade de facer máis convocatorias públicas para este tipo de traballos comunitarios que fomentan a valorización do noso monte e a unión sempre que a situación sanitaria o permita.
Relacionadas:
-
O Lago de Castiñeiras loce con novas especies
Por Redacción |
-
Vilaboa abriu máis de 300 expedientes en 2021 a propietarios de fincas sen limpar
Por Redacción |
-
A superficie de castiñeiro aumenta nun 230% nos montes de San Martiño de Vilaboa
Por Redacción |
-
O PP reclama a talla dos eucaliptos fronte ao colexio Espedregada
Por Redacción |
-
Os castiñeiros queren gañar espazo fronte aos abrochos de eucaliptos en Vilaboa
Por Redacción |