Transición Ecolóxica aproba a Axenda Urbana de Pontevedra, un documento para optar a axudas europeas que recollerá demandas veciñais
Por Redacción
O Ministerio de Transición Ecolóxica aprobou a Axenda Urbana de Pontevedra, un documento que definirá as liñas mestras que marcarán a actividade nos próximos anos da cidade. A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, mostraba a súa satisfacción este luns por esta noticia que conleva a achega de 200.000 euros para elaborar este documento, que permitirá acollerse a próximas axudas procedentes de fondos europeos como a nova convocatoria dos Edusi, que se centra en Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado.
Segundo manifestaba a representante do grupo de goberno, a participación cidadá será un dos puntos fortes na elaboración desta ferramenta, que contará con tres fases de creación: diagnose, recollida de achegas veciñais e redacción formal do plan co propósito de fomentar proxectos relacionados coa loita contra o cambio climático a través de actuacións en espazos públicos, mellora enerxética, innovación creativa en campos como o artístico, o gastronómico ou o cultural.
Para recoller as achegas cidadás, Anabel Gulías explicaba que se crearán alianzas con asociacións do tecido cultural e social, ademais estableceranse outras canles de interlocución a pé de rúa nos puntos de información, traballarase nos observatorios PO2 e o socioeconómico, que definiu como "instrumentos adiantados" no seu momento para establecer as liñas que debe seguir a cidade de fronte ao futuro.
Tamén se organizarán xornadas abertas baixo o título Tribuna Pontevedra, con charlas e fomento de ferramentas para a participación activa. Por último, desenvolverase unha páxina web propia para este proxecto de Axenda Urbana con información sobre o proceso de creación. O prazo de traballo establécese en 17 meses, segundo explicou a portavoz municipal.
XUNTA DE GOBERNO
Gulías anunciou que, fóra da orde do día da Xunta de Goberno deste luns, o Concello decidiu sacar a licitación o contrato de subministración de combustible para vehículos, maquinaria e calefacción. Segundo explicou, resulta difícil pola variabilidade dos prezos. Por este motivo establécese un contrato que permita adaptarse a eses cambios de prezos. O orzamento do contrato, con IVE incluído, será dos 172.477 euros por un período dun ano prorrogable durante dous anos. Indicou que se lle fai un seguimento importante polo goberno local por tratarse dunha nova modalidade contractual.
Aprobouse tamén a regularización da parcela no novo inventario municipal situada na parroquia de Santa María de Xeve, no lugar da Igrexa, para pavillón polideportivo.
Por último, iniciouse o expediente de contratación correspondente ao seguro de asistencia sanitaria complementaria para os traballadores do Concello de Pontevedra. Finánciase nun 50% polo Concello e a outra metade, a cargo do persoal. O importe sería de 1.210.140 euros con exención de IVE. Séguese un negociado aberto na categoría de servizos cunha duración de 3 anos coa posibilidade de prórroga por dous anos máis.
Relacionadas:
-
Pontevedra recibe un millón de euros de Europa para rexenerar as ribeiras do Lérez
Por Manu Otero |
-
Expertos en política urbana visitan Pontevedra para comprobar os investimentos de fondos europeos
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A Deputación participa na creación do Foro Local para a Axenda Urbana Española
Por Oskar Viéitez |
-
O Ministerio de Transportes recoñece á Rede Ágora da Deputación como unha iniciativa aliñada coa Nova Bauhaus Europea
Por Redacción |
-
Pontevedra espera que a boa xestión dos proxectos EDUSI sirva de aval para captar máis fondos europeos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Nace A Redeira PO2 para crear fórmulas de colaboración desde Pontevedra cara fóra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- O 'Efecto PO2' estrea nova peza audiovisual para mostrar Pontevedra como espazo "san e seguro"
Por Redacción |