A Deputación impulsa o papel da provincia como plató de rodaxes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este luns en rolda de prensa a xornada "O audiovisual e a reactivación. Oportunidades para o sector e para os concellos", unha iniciativa liderada pola institución provincial de man da Spain Film Comission.
O Pazo provincial acollerá a próxima semana un foro no que o sector en Galicia debaterá sobre as oportunidades que supoñerá o plan 'España, hub audiovisual' aprobado polo Goberno de España, segundo indicou a presidenta provincial. "Queremos que a provincia sexa un estudio de cinema", apuntou Silva, para iso "é importante" que o sector e a administración pública "saiban a que se van a dedicar eses recursos".
O Consello de Ministros autorizou ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital o investimento de 25 millóns de euros para fomentar a internacionalización da industria audiovisual española e impulsar España como destino de rodaxes.
O investimento "é moi potente" xa que deixará 9,6 millóns de euros en Galicia "un apoio sen precedentes" ata o ano 2023 "para acelerar a recuperación do sector".
Segundo Carmela Silva, en Pontevedra, "hai moitas produtoras interesadas na nosa provincia e queremos que os concellos estean preparados para facilitarlles a rodaxe de producións audiovisuais".
A Deputación de Pontevedra quere que a Agrupación industrial Audiovisual Galego sexa "un aliado imprescindible para poñer en marcha este plan tan potente" e tamén dotar de "ferramentas" aos concellos, especialmente aos de menos de 20.000 habitantes, "para que poidan facer fronte á xestión administrativa relacionada coa realización de rodaxes no territorio".
A xornada arrincará coa intervención do presidente da Spain Film Comission, Carlos Rosado e do presidente da Agrupación industrial Audiovisual Galego, Jorge Algora.
A continuación haberá unha mesa centrada nas "Oportunidades e retos para o sector", na que participará de novo Carlos Rosado xunto coa produtora, Emma Lustres.
A segunda das mesas estará moderada polo técnico Iñaki Gaztelumendi, abordará o "Turismo audiovisual" e nela participará Nacho Varela, vogal da Agrupación industrial Audiovisual Galego; Teresa Azcona, vicepresidenta da Spain Film Comission e responsable da Zaragoza Film Office; Juan Manuel Guimeráns, coordinador da Valladolid Film Comission; Chelo Loureiro, directora e vogal do CIMA (Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais).
"Queremos abrir oportunidades e non podemos perder esta. Temos un territorio máxico e queremos darnos a coñecer estando preparados", concluíu.
A xornada ofrecerá a oportunidade de participar por streamming ou presencialmente, previa reserva de praza enviando un correo electrónico á dirección protocolo@depo.gal. A presidenta provincial animou aos concellos e aos profesionais "a que participen activamente".