Co foco posto nos accidentes de motocicletas
Por Natalia Puga
As cifras de accidentalidade nas estradas pontevedresas xeran preocupación na Xefatura Provincial de Tráfico e unha das realidades que máis inquietude xera é a sinistralidade das motocicletas, na que este ano van seis accidentes mortais, dous deles no mesmo mes, xuño. Un de cada catro falecidos este 2021 nas vías da provincia de Pontevedra ían en vehículos de dúas rodas.
A xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, confirmou esta preocupación este luns, con motivo do Día Mundial en Recordo das Vítimas de Tráfico, e a preguntas de PontevedraViva.
"Destaca la importante accidentalidad de motocicletas", sinalou Yubero, que tamén indicou que en todo 2020 houbo cinco motoristas falecidos, un menos que ata novembro de 2021.
Yubero indicou que esta tendencia mantense a nivel de toda Galicia e España e que é un "un aspecto que nos preocupa" e que lles convida a poñer o foco nesta problemática.
As campañas específicas de prevención da accidentalidade postas en marcha por Tráfico adoitan organizarse en clave estatal e centrándose nos factores que inciden nos accidentes, pero non nun único colectivo como sería neste caso os motoristas. Con todo, Yubero revelou que están a pensar en "intentar enfocar una campaña destinada a usuarios vulnerables" como pode ser, neste caso, os motoristas.
Yubero actuou este luns de anfitrioa nunha visita á nova sede da Xefatura Provincial de Tráfico en Campolongo. Percorreu as instalacións a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e tambén responsables do Subsector de Tráfico da Garda Civil.