Augas de Galicia insta o Concello de Vilaboa a pagar 352.853 euros por "incumprimentos na facturación do canon da auga"
Por Redacción
O Concello de Vilaboa acaba de recibir un requerimento de Augas de Galicia para abonar 352.853,39 euros por "incumprimentos na facturación do canon da auga ou falta de autoliquidación desde o ano 2016". Desta cantidad 42.959,63 euros corresponden a xuros de demora.
Augas de Galicia desestimou as alegacións presentadas polo Concello de Vilaboa que dende hai varios anos decidiu non repercutir nos veciños o canon da auga debido á situación peculiar do municipio, esencialmente rural e con numerosas traídas comunais e veciñais, cobrando no recibo a taxa de sumidoiros.
Sen embargo, e segundo Augas de Galicia fai constar no seu requerimento, o Decreto 136/2012 do 31 de maio que aproba o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de verquidos a sistemas públicos de depuración de residuos obriga aos concellos a autoliquidar ao ente autonómico de xeito cuadrimestral estas cantidades. Esto quere decir que o Concello está obrigado por lei a repercutir este canon nos recibos semestrais dos veciños para despois ingresar estas cantidades a Augas de Galicia.
"Utilizamos todos os argumentos legais ao noso alcance para evitar este pago mais Augas de Galicia non ten en conta a peculiaridade de Vilaboa e aplica o Decreto de xeito estricto", explica o alcalde, César Poza.
Esta decisión de Augas de Galicia incrementará xa o recibo aos contribuintes deste último semestre de 2021, no que se incluirán 24,12 euros para abonar a cantidade requerida pola Xunta de Galicia.