As brigadas municipais de Caldas de Reis acometen un novo plan de mantemento e reparación das beirarrúas
Por Redacción
Nos últimos dous meses persoal do Servizo de Obras municipal, co apoio do Plan Concellos da Deputación, reparou numerosos tramos de beirarrúas do municipio que tiñan algunhas lousas rotas, desprendidas ou que presentaban afundimentos e dificultaban a circulación peonil.
Na primeira fase do plan de beirarrúas actuouse na reparación das rúas con plataforma única e con lousas de pedra que presentaban algún perigo para os peóns. Concretamente fixerónse reparacións no Paseo Román López, nas rúas Real, Porto do Río, Igrexa, Laureano Salgado, Ovellas ou San Roque, entre outras.
Nesta segunda fase os traballos consisten na reparación de beirarrúas de lousas en varios tramos da avenida Juan Fuentes e carretera de Pontevedra, rúas Ferrería, José Salgado, Silgadas, Dona Urraca, Hipólito de Sa ou San Roque.
O Servizo de Obras continuará con este tipo de traballos e para iso o Concello solicita a colaboración veciñal que ten á súa disposición o Servizo de Avisos do Concello no que se poden sinalar aqueles puntos que presentan defectos ou precisan dunha reparación. Os avisos pódense achegar por teléfono ou whataspp ao número 647 574 316, e tamén por correo electrónico á dirección: avisos@caldasdereis.com
O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, destacou "a importancia deste tipo de pequenas obras de mantemento do espazo urbano que agora son realizadas de forma sistemática e que contribúen a mellorar a calidade de vida de veciñanza".
E engadiu que "estas pequenas intervencións complementan as grandes obras de investimento programadas para reurbanizar integralmente rúas como a Travesía Dona Urraca, a rúa Río Bermaña, a Praza Dr. Sesto Casal, rúa Real; o Campo da Torre, e as rúas Gaioso ou San Roque".