O tirón de traballar para o Concello de Poio: 280 solicitudes para sete postos de persoal municipal
Por Redacción
Traballar para o Concello de Poio ten tirón. Así o demostra o proceso aberto para a contratación de sete profesionais, co obxectivo de reforzar o seu persoal fixo, a través de quenda libre. O Concello oferta sete prazas e houbo 280 solicitudes.
En concreto, as prazas que se ofertan son catro de operario ou operaria de Servizos Municipais, unha para a área de Xardinería e as tres restantes para limpeza das instalacións municipais.
O concelleiro responsable de Persoal, o nacionalista Xosé Luís Martínez, indica que o Concello de Poio continúa avanzando no proceso e xa se poden consultar as listaxes de persoas admitidas tanto na Sede Electrónica do Concello de Poio como no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo).
Das 280 persoas solicitantes que presentaron a documentación para participar no proceso de contratación, 273 foron admitidas ao cumprir con todos os prazos e requisitos que establecen as bases.
A oferta correspondente ás catro prazas da área de Servizos Municipais foi a que recibiu un maior número de solicitudes, cun total de 116, dos cales 111 foron admitidas de xeito definitivo.
No caso das tres vacantes para a limpeza de edificios e equipamentos de titularidade municipal, foron 100 as persoas inscritas, con 99 aceptadas.
Para a praza de Xardinería se presentaron 64 aspirantes, cunha soa exclusión.
O concelleiro de Persoal informa que a principios do vindeiro mes de decembro reuniranse os membros dos correspondentes xurados para establecer a data da realización do exame de carácter eliminatorio.