Chocolatada para inaugurar a iluminación de Nadal en Cambados
Por Redacción
A iluminación do Nadal de Cambados inaugurarase este xoves 25 de novembro nun acto que organiza o Concello en colaboración coa Asociación Zona Centro e A Caixa.
O acto conmemorativo comezará ás 19.00 horas cando se prema o botón que se atopa na aldea de Nadal instalado en Fefiñáns. A partir dese momento, alumaranse as rúas e prazas cos adornos propios destas festas, co obxectivo de fomentar as compras durante as próximas semanas na vila, segundo informan desde o Concello.
Tamén se establecerá unha acción de recollida de xoguetes, tanto novos como usados. Estes xoguetes serán trasladados ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Cambados para repartilos, durante os próximos días, entre familias con escasos recursos económicos do municipio.
A celebración contará tamén cunha gran chocolatada e, a continuación, actuará o grupo Azrael Quartet. Os actos desenvolveranse nunha carpa montada na Praza de Fefiñáns para a ocasión.