A APDR vincula unha vertedura de pintura á ría co varadero de Os Praceres
Por Oskar Viéitez
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) ven de denunciar un "importante vertedura" á altura do varadero de Os Praceres.
Segundo informou o presidente da APDR, Antón Masa, foi o pasado venres 19 cando "achegados ao lugar, e malia as dificultades para poder observar ben as súas características, polo seu aspecto semellaba que estamos diante dun vertido de pintura que, con seguridade, ten a súa orixe nos labores realizados no propio varadoiro".
Antón Masa engade que "todo fai pensar, xa que logo, que se trata dun vertido procedente dos labores de pintura dalgún barco, mesmo no proceso de aplicación dalgún ‘antifouling’, unha tarefa coa que se persegue evitar que os organismos mariños se adhiran no seu casco e mantelo limpo".
O presidente de Defensa da Ría sinala que estas pinturas, coñecidas coma ‘patentes’, na meirande parte dos casos teñen na súa composición metais pesados como o Cobre ou o Cadmio, metais que son moi perigosos para o medio ambiente natural pola súa elevada toxicidade e polo feito de se acumular ao longo da cadea trófica.
Segundo as informacións recollidas polo colectivo ecoloxista entre a veciñanza da zona, "estes vertidos prodúcense con relativa asiduidade, sen que as autoridades tomen cartas no asunto, polo que desde a APDR facemos un chamado ás autoridades autonómicas con competencias nestes asuntos para que actúen con responsabilidade neste caso e eviten no sucesivo episodios semellantes, facendo recaer sobre os responsábeis as sancións que -no seu caso- sexan de aplicación".