Convocan unha concentración en Vilaboa contra as violencias machistas
Por Redacción
A fachada da Casa do concello ten colgada esta semana unha pancarta contra a violencia machista como símbolo do rexeite colectivo da veciñanza de Vilaboa a este problema estrutural da sociedade.
Baixo a pancarta darase lectura este 25- N, día contra a violencia machista, a un manifesto por parte da concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, no que se lembrará ás 37 mulleres asasinadas no que vai de ano. Á concentración, que terá lugar ás 12 da mañá, está convidado toda a veciñanza de Vilaboa. Membros do goberno local acudirán tamén ao acto que pola tarde organizou, ás 19.30 horas, a asociación Mulleres de Vilaboa.
No "Manifesto Vilaboa" avógase por unha "axenda política feminista que aborde dunha maneira transversal o feito de que nos matan e maltrátannos porque somos mulleres".
Apunta que as mulleres, e tamén moitos homes, "estamos fartas de negacionistas e machistas, queremos accións, condenas, reforzos dos sistemas de prevención, dos xulgados especializados en violencia machista, educación en igualdade, protección, queremos poder vivir tranquilas, que os que teñan medo sexan os que tentan acosarnos, insultarnos, atacarnos, piropearnos pensando que somos obxectos; querémonos todas vivas".
Desde Vilaboa instan a toda a clase política a saír á rúa e gritar coas mulleres contra o machismo, "alto e claro, sen medias tintas, queremos oír a todos e políticos e políticas condenar sen mornezas calquera síntoma de machismo, de negacionismo da violencia machista, da violencia exercida contra as mulleres por ser mulleres".