O Concello, disposto a negociar cos bombeiros pero ve "ben dimensionado" o parque
Por Alejandro Espiño
Unha sentenza xudicial gañada polos bombeiros é, segundo o goberno municipal, o xerme do malestar que existe entre o persoal do parque pontevedrés. Así o manifestou este martes a concelleira de Persoal, Carmen Fouces, en rolda de prensa.
Ata o de agora os bombeiros cobraban un complemento por nocturnidade de 20 euros e de festividade de 36 euros. Recibíano se traballaban noites ou festivos, respectivamente. Pero aqueles que non o facían ou estaban de vacacións ou de baixa, quedaban sen el.
Varias sentenzas de xulgados de Pontevedra obrigaron ao Concello a que todos os membros do persoal de bombeiros cobren ese complemento, traballen ou non, ao entender que a súa xornada de traballo ordinaria inclúe sempre horas nocturnas e días festivos.
É dicir, ese complemento de produtividade debe formar parte do complemento específico do posto de traballo porque, ao ter gardas de 24 horas, sempre ten tramos nocturnos. Deberá ser cobrado, ademais, no período de vacacións, de baixa ou de permisos autorizados.
Dese marco legal, segundo Fouces, "non nos podemos mover", que aclarou que o Concello "non aforrou nin un euro" con esta sentenza, xa que os 110.000 euros que pagaba anualmente por estes complementos repártense agora entre todo o persoal.
Un bombeiro, que antes desta sentenza cobraba uns 14.000 euros por nocturnidade e festividade pasará a cobrar preto de 17.000 euros, mentres que un cabo cobrará máis de 18.000 euros cando antes recibían case 15.500 euros cada ano.
Ademais, todos eles aumentaron as súas bases de cotización, engadiu a edil de Persoal, que con todo recoñeceu que moitos dos bombeiros que facían estas quendas de traballo cobrarán menos diñeiro que antes, ao ter que repartilo cos que non os traballan.
"Ese é o problema fundamental que está enriba da mesa", sinalou Carmen Fouces, que reiterou que respecto desta cuestión "non podemos saír do que pon esta sentenza, nos guste ou non, porque nos veu dada".
Fóra dese marco legal, "estamos dispostos a negociar", segundo Fouces, entre outras cousas para "repensar" as quendas de traballo para que os bombeiros non traballen 24 horas seguidas e fagan gardas de oito ou doce horas para reducir a súa carga de traballo ou axudarlles a conciliar.
O departamento de Persoal, doutra banda, reordenará os cuadrantes de forma que haxa tres equipos rotatorios, duns once bombeiros cada un, para organizar as quendas de traballo, o que permitirá "ter certo marxe" ante vacacións, baixas ou permisos retribuídos.
En todo caso, a edil do BNG insistiu en que o persoal do parque de bombeiros está "ben dimensionado" e todas as vacantes "están cubertas". Hai mesmo dous interinos, algo que "é inaudito" cubrindo dúas prazas que sairán proximamente a concurso.
Os 34 bombeiros, os seis cabos e o sarxento que integran este corpo de emerxencias, segundo os datos facilitados polo Concello, fan que "non estea en risco nin o servizo nin a poboación", garantiu Carmen Fouces.
Relacionadas:
-
Pitos á entrada da mesa de persoal do Concello, que se suspende por falta de quórum
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Prevén ampliar o cadro de persoal do Concello con 14 novas prazas
Por Redacción |
-
A Xunta de Persoal do Concello sopesa a convocatoria de folga por "un conflicto laboral con la totalidad de la plantilla"
Por Diego Espiño |
-
O parque de bombeiros de Pontevedra estrea as súas renovadas instalacións
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Veciños de Monte Porreiro, funcionarios e bombeiros únense para denunciar a "falta de diálogo" do goberno municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os bombeiros alertan da situación "crítica" do parque de Pontevedra por falta de persoal
Por Redacción |