Haberá un minuto de silencio na Lama o 25N polas vítimas da violencia machista
Por Redacción
O Concello da Lama conmemorará o 25N, día internacional pola eliminación da violencia contra a muller, gardando un minuto de silencio pola memoria das vítimas desta lacra social e coa lectura dun manifesto de rexeitamento dos comportamentos machistas na sociedade.
A Lama destaca que desde o Centro de Información á Muller lévase a cabo un amplo programa de actividades para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero, no que se invisten preto de 6.400 euros.
Dentro destas iniciativas figura o Programa Concilia co obxectivo de ofrecer un servizo de apoio ás familias do municipio para que poidan conciliar a vida persoal, familiar e profesional favorecendo a corresponsabilidade, dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos.
Unha primeira fase desenvolveuse durante o período estival coincidindo coas vacacións do verán e volverase a poñer en marcha no Nadal, entre o 22 e o 31 de decembro.
Por outra banda, A Lama aproveitará a conmemoración do 25N para levar a cabo o día anterior, co alumnado de primeiro a sexto do CEIP de A Lama, catro obradoiros para a prevención e sensibilización no eido da violencia de xénero e igualdade de oportunidades.
Tamén, a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, porase en marcha outro obradoiro co alumnado do CEIP de A Lama, dos cursos de quinto e sexto de primaria, titulado Violencia de xénero no novo contexto dixital que, neste caso, terá lugar o día 9 de decembro.