Unha vintena de artesáns participarán no mercado ecolóxico de Bueu
Por Redacción
Unha carpa instalada nos xardíns de Urbano Lugrís será o espazo reservado para a nova edición do mercado ecolóxico e artesanal de Bueu, que se celebrará o domingo 28 de novembro, entre as once da mañá e as oito da tarde.
Máis dunha vintena de postos ecolóxicos, gastronómicos e artesanais, obradoiros para a cativada e persoas adultas, demostración de coctelería e charlas, serán algunhas das actividades deste mercado que se concibe coma un escaparate para produtores.
Este mercado ecolóxico naceu hai máis de dez anos, sendo o Concello de Bueu dos primeiros municipios en poñer en marcha iniciativas coma esta e contando de edición en edición cun gran arraigo tanto entre o público asistente como entre os postos vendedores.
Despois dun parón pola covid-19, o Concello recupera esta actividade na que haberá unha gran variedade de postos de venda, como hortalizas, sementes, fungos, conservas, panadería e restauración, queixos, viños, marmeladas, mel e artesanía.
Este mercado contará con todas as medidas hixiénicas e sanitarias establecidas pola pandemia, como son as distancias entre os postos e a súa celebración ao aire libre.
A programación iniciarase ás 12.30 horas cunha charla sobre cultivo de froitos secos en Galicia, a cargo de Pedro Álvarez, director industrial e de planta de El Nogal, na que se presentará un proxecto piloto que puxeron en marcha dende a marca de implantación de abeleiras nos montes galegos.
A esa mesma hora, haberá un obradoiro infantil de reciclaxe no que se ensinará como elaborar fermosas figuras cos paus das árbores. Ás 13.00 horas haberá unha demostración de coctelería e sesión vermú con produtos ecolóxicos, acompañada da actuación musical da charanga BCB.
Xa pola tarde, e despois da oportunidade de xantar na carpa, ás 17.30 horas está programado un obradoiro de decoración de pezas de olería para a rapazada, que será impartido pola marca de cerámicas marinense Alén das olas.
Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientaron na rolda de prensa celebrada esta martes que se trata dun proxecto "que demostra o compromiso polos produtos locais e a concienciación medioambiental na sociedade".