Adeus a Videoclub San José, o último que quedaba en Pontevedra
Por Mónica Patxot & María José Pita
O último videoclub de Pontevedra botará o peche o próximo 31 de decembro despois de 35 anos de actividade. O propietario de Videoclub San José, Félix Yáñez, recibe a PontevedraViva en torno ao mediodía, nun horario que habitualmente é tranquilo pero que, co anuncio da liquidación de todas as existencias do establecemento, está a rexistrar unha actividade incesante.
- Félix, por que pecha Videoclub San José?
Eu pecho porque cumprín 65 anos e a miña familia "esíxeme" que me xubile. Eu non pensaba xubilarme pero as miñas fillas dixéronme: "Mira papá, a xubilarse e a vivir". Nin máis nin menos.
- Falas das túas fillas, non cabía a posibilidade de que continuasen elas co negocio?
Non, nisto hai que sacrificarse moito e elas grazas a deus teñen a súa carreira. É o que me dicían elas: levas 35 anos no videoclub, traballando sábados, domingos, festivos e festas de gardar, saíndo ás dez ou as once da noite todos os días... E agora cumpro 65 anos, levo 45 anos cotizados e xa me podo xubilar.
- Puido a pandemia que estamos a vivir acelerar esta decisión de botar o peche?
A min a pandemia afectoume como a todos os negocios, aínda que como digo eu: a miña clientela é a mellor do mundo, porque segue vindo. Pero si, a pandemia foi un remate. Entre a pandemia, as plataformas e o fácil que é baixar de Internet de modo ilegal, que ningún Goberno fai nada, a porcentaxe de películas que se alugan diminuíu moitísimo.
De 15.000 videoclubs que eramos nos mellores tempos, con 90.000 persoas traballando, pois agora en España quedaremos sobre cen como moito, en Pontevedra eu son o último e en Galicia debemos quedar catro.
- O peche será o 31 de decembro, como van transcorrer estes días?
Estou a liquidar películas, desde un euro a dous, tres, catro ou cinco. A máis cara é a 7 euros, que son as últimas estreas, pero a maioría a un euro. E levamos xa cinco días que, como podes comprobar, non paramos.
- Precisamente acabamos de asistir a unha venda por valor de 60 euros a un cliente ao que lle chamaches polo nome, sen ver o seu carné de socio. É o perfil das persoas que se están achegando estes días á tenda?
Si, moitos clientes habituais. E tamén me estou levando unha grata sorpresa porque está a vir moita mocidade, que está comprando moitas películas de cine independente, que eu pensei que non se ían a vender.
- Volvamos a vista 35 anos atrás, como foron os comezos?
A idea foi do meu socio que me dixo "imos montar un videoclub". E eu contesteille: un que?. É que realmente non sabía o que era. Eu viña de traballar en comercio, en Coca-Cola, en Autoestradas... Falamos, miramos o mercado e decidímonos. E grazas a deus vivimos 35 anos moi ben.
- Eran tempos onde en cada barrio había polo menos un videoclub.
Nos anos 90 foi o boom do vídeo, en Pontevedra chegou a haber 33 videoclubs. O comezo foi aquí enfronte, na rúa San José, de aí vén o nome, onde estivemos ano e medio, máis ou menos. E como o local era moi pequeniño e aquilo desbordaba, porque a xente ata facía cola fóra, vimos este outro local a só 50 metros e veunos fenomenal.
- A día de hoxe, cantos socios suma Videoclub San José?
[Félix desprázase ao mostrador, saca un taco de carnés plastificados e mira a numeración] Dígocho, reais: 41.446 socios. Deles hai algúns que marcharon a vivir fóra, como os militares de cando estaba o cuartel en Campolongo, que viñan moito. Pero tamén teño un gran número de clientes desde hai 35 anos que seguen vindo a día de hoxe. Un caso moi bonito foi unha vez que entraron no videoclub catro xeracións dunha mesma familia para alugar unha película: o bisavó, o avó, o pai e o neno pequeno.
- Lembras cal foi a película máis alugada?
Si, claro. A máis alugada non só no meu videoclub senón en case todos: A vida de Brian. Esa foi a punteira, aínda que hai moitas. No seu momento O gardacostas tamén foi moi alugada. E das modernas, sen dúbida, a da serie Xogo de Tronos.
- A partir do 31 de decembro, cando baixes o enreixado, tes algún plan pensado?
Si, gozar coas miñas fillas e coa miña muller, nada máis.
- E ver cine?
Creo que vou tardar. Explícome: durante 35 anos vin unha película diaria para despois asesorar aos clientes, e iso é esgotador. Pero si, irei ao cine porque me gusta, unha ou dúas veces por semana.