25N | A reincidencia cronifícase nas violencias machistas: en Pontevedra hai 329 agresores con máis dunha vítima
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
As estatísticas dan moitas veces unha imaxe fría da realidade, pero en ocasións non hai nada mellor que tirar de números para facerse unha idea da situación real dunha determinada problemática. Este 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia sobre as Mulleres recorremos a esas cifras para facer balance de como chega Pontevedra a un día no que se poñen no foco as violencias machistas que, en realidade, todo o asolagan durante todo o ano sen tanta repercusión.
Os datos actualizados ao 15 de novembro no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioXén) da Secretaría de Estado de Seguridade recollen que na provincia de Pontevedra hai un total de 1.265 casos activos de violencias machistas, con 1.235 vítimas e 1234 autores.
Unha ollada rápida á cifra xa permite concluír que hai máis vítimas que autores, de modo que polo menos un agresor o é de máis dunha vítima. Pero a realidade é aínda máis dura e confirma que a reincidencia é habitual neste tipo de delitos. Segundo as cifras oficiais, hai 329 autores con máis dunha vítima e 274 vítimas con máis dun agresor.
Segundo estas mesmas estatísticas, o período entre 31 e 45 anos é o que aglutina maior número de autores (537) e vítimas (551) rexistrados no sistema, pero como comportamento xeral, o agresor ten maior idade que a vítima.
Así, chama a atención a situación das mozas menores de idade, pois hai 15 vítimas con menos de 18 anos, pero tan só catro agresores desa idade, o que implica que as mulleres de máis curta idade sofren violencia por parte de homes maiores.
Tamén entre os maiores de 65 hai máis autores (65) que vítimas (41) e no período de 46 a 64 anos, on 422 autores e 333 vítimas. Entre os 18 e os 30 anos, a tendencia invístese e hai 326 vítimas na provincia de Pontevedra por 238 agresores. Isto é, elas convértense en vítimas a idades máis temperás que eles en agresores.
Que a violencia machista trunca a vida das persoas a idades xa moi temperás demóstrao outro dato. Na provincia de Pontevedra hai un total de 489 afectados polos distintos tipos de violencias machistas, pola súa relación coa vítima, que son fillos ou menores de idade.
Para coñecer a situación das violencias machistas na provincia tamén axuda tomar como referencia o número de denuncias que se formalizan ante as Forzas e Corpos de Seguridade e a nivel xudicial.
Segundo datos do Portal estatístico da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero e o Consello Xeral do Poder Xudicial, nos dous primeiros trimestres de 2021 presentáronse na provincia de Pontevedra 1.065 denuncias fronte ás 1.165 e 1.011 do mesmo período de 2019 e 2020. Son, por tanto, cifras moi similares. No partido xudicial de Pontevedra en concreto son 134 e no de Vigo, 400.
Tras a denuncia, son moitas as vítimas que solicitan unha medida de protección. Segundo a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, nestes momentos hai activos na provincia de Pontevedra un total de 27 dispositivos electrónicos de seguimento do Sistema de Seguimento por Medios Telemáticos das Medidas e Penas de Afastamento no ámbito da Violencia de Xénero (Cometa). O número é moi similar ao de 2020, con 26, e superior aos 17 de 2019.
En canto ás ordes de protección ditadas polos xulgados pontevedreses, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, no primeiro semestre do ano incoáronse 266, adoptáronse 134 e denegáronse 148. Sete foron inadmitidas e ao 30 de xuño non quedaba ningunha pendente de resolver. As cifras son similares ás de 2020, con 290 incoadas, 128 adoptadas e 161 denegadas neses dous primeiros trimestres.
Relacionadas:
-
25N | Performance do Colectivo Feminista Pontevedra para desvelar o patriarcado do sistema xudicial
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
25N | "O crecente aumento de agresións que vivimos tras o estado de alarma obríganos a seguir traballando"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
As autoridades constatan unha "tendencia estable" nos casos e dilixencias da violencia machista
Por Redacción |
-
Fotografías e vídeos para que os adolescentes reflexionen sobre a violencia vicaria
Por Natalia Puga |
-
Preto de 500 fogares pontevedreses con menores viven nun ambiente de violencia de xénero
Por Natalia Puga |