Barro mantén conxeladas as taxas e impostos e aumenta o gasto social
Por Redacción
O Concello de Barro aprobará as contas municipais para o exercicio do ano 2022 no Pleno ordinario que se celebrará na tarde deste mércores. A contía total do orzamento ascende a 2.700.000 euros, o que supón un aumento do 7,8% a respecto do anterior, un total de 195.000 euros máis.
Segundo o Goberno local, son uns orzamentos nos que, un ano máis, vólvense conxelar as taxas e os impostos, "unha decisión de non incrementar a presión fiscal das familias que se vén plasmando nas contas municipais desde que o BNG accedeu ao goberno municipal".
Nestas contas non se recolle ningunha partida de amortización de débeda, pois o Goberno municipal procedeu á súa cancelación no exercicio do ano 2020 e ten neste momento débeda cero.
Volve a destacar o incremento na partida a Atención Social, con 55.000 euros máis, chegando este ano a 567.100 euros, "co obxectivo de continuar axudando ás persoas con máis dificultades", a través do Servizo de Axuda no Fogar e doutros servizos municipais.
O Goberno municipal asegura que "seguirá un ano máis apostando pola mellora dos servizos básicos e pola dinamización social e cultural do concello e das parroquias, contando cos colectivos culturais, sociais e deportivos do concello".
As contas municipais para o exercicio do 2022 reservan un capítulo importante á promoción de emprego e o asentamento de novas empresas no terreo industrial do concello.
Relacionadas:
-
Pontevedra priorizará a construción dunha vía verde ata Barro cos fondos Next Generation para o turismo
Por Manu Otero |
-
Barro reparte 37.700 euros entre os sectores afectados pola covid-19
Por Redacción |
-
Barro avanza nos trámites urbanísticos para ceder á Xunta os terreos do novo centro de saúde
Por Redacción |