A cesión dos terreos particulares permitirá ensanchar o vial de Tourón
Por Redacción
O Pleno da Corporación do Concello de Ponte Caldelas tratará este xoves a aprobación da cesión dos terreos particulares para continuar co ensanchado do vial central de Tourón, que da acceso a preto de 47 vivendas e polo que actualmente non pasa un vehículo de emerxencias.
Trátase de axilizar a documentación previa para poder iniciar a terceira fase da ampliación do camiño central de Tourón, unha estrada municipal que mellorará notablemente a comunicación dos veciños desta zona do municipio.
O custo da terceira fase desta obra é de 33.949 euros e permitirá ampliar o ancho do vial ata os 4 metros. Ralizarase a pavimentación con aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor nos 150 metros sobre os que se actuará nesta fase.
O proxecto xa está redactado e, logo da aprobación da cesión dos terreos en sesión plenaria, poderase avanzar na tramitación para sacar a licitación a obra.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, agradeceu a todos os veciños a cesión duns metros do seu terreo "que permitirán dotar a un importante número de vivendas de Tourón dun acceso digno e propio do século XXI".