A Universidade de Vigo presume de alumnado
Por Redacción
A biblioteca central do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo acolle ata finais de xaneiro os 17 cubos que integran a mostra 'Eu son UVigo!', na que se presentan os perfís dunha serie de persoas que acadaron recoñecemento profesional e que son tituladas da institución académica ou desenvolven actualmente a súa actividade na Universidade.
Investigadores como Pablo Romero ou o catedrático Jesús Simal e titulados como a escritora Ledicia Costas, o actor David Amor, a deseñadora Sheila Pazos ou a ilustradora e ceramista Abi Castillo forman parte dos protagonistas desta mostra, que se exhibe por primeira vez no campus.
A mostra percorreu nos últimos meses institutos e centros sociais e culturais de toda Galicia co obxectivo de proxectar a imaxe da institución académica como centro de prestixio que preparar para a vida real en todos os ámbitos do coñecemento.
Ademais, ata finais deste mes de novembro poderá verse na planta baixa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus a mostra 'En galego!', que busca pór de relevo o papel que a investigación e divulgación científica pode xogar na difusión do galego.
Comisionada pola área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, coa colaboración da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, esta exposición inclúe 15 paneis dedicados a diferentes grupos de investigación.
A mostra está dirixida a dar a coñecer as achegas dos grupos de investigación da institución académica a prol do idioma galego.
Como recolle o seu texto de presentación, "a ciencia, en tanto que contribución humana determinante para mellorar as condicións de vida das persoas constitúe unha fiestra clave para as linguas minoradas".
Tras o seu paso por esta facultade, esta exposición percorrerá posteriormente outros centros do campus.