25N | Marín fai visible a violencia machista entre as mulleres maiores
Por Redacción
Cun contundente e necesario rexeitamento ás violencias machistas, Marín conmemorou este xoves o 25N, día internacional pola eliminación da violencia contra a muller, no que foron homenaxeadas vítimas maiores de 65 anos para visibilizar a súa problemática.
Así, de xeito simbólico, recolleron os Premios Lazo Violeta organismos públicos e privados, que "contribúen ao benestar e calidade de vida das persoas maiores no noso municipio", segundo explicou a directora do Centro de Información a Muller de Marín.
Recolleron o premio María Dolores Gallego Calvar, por parte da residencia de maiores de Marín; Manuel Fontenla Redondo, polo centro de día e a unidade terapéutica municipal; Teresa Parente Gestido, polo centro de día Saraiva, acompañada de dúas das súas usuarias, Luisa Iglesias Sánchez e Ignacia Torres Vidal; e Rita Borrel Descamps, pola Asociación de Maiores, Xubilados e Pensionistas de Marín e Comarca.
Ademais, tamén se lle deu o premio a Josefa Villanueva Villanueva en representación de todas aquelas mulleres anónimas que loitaron nas súas vidas pola igualdade e contra a violencia de xénero. No seu caso, recolleron o premio as súas familiares, Monserrat Ruibal Bermúdez e Josefa Bermúdez Villanueva.
A psicóloga da unidade terapéutica municipal de Briz, Patricia Ruibal de Sola, foi a encargada de ler a declaración institucional coa que se abriu este acto no que a alcaldesa, María Ramallo, esixiu que a sociedade "non mire cara outro lado" ante a violencia machista.
"Debemos unir esforzos e berrar cunha soa voz que as mulleres temos dereito a vivir sen medo como mulleres, a vivir sen violencia, a decidir libremente sobre a nosa sexualidade, a desenvolver plenamente as nosas capacidades, a ser donas das nosas propias vidas, a ser valoradas xustamente polas nosas contribucións á sociedade, porque a violencia contra as mulleres representa unha clara violación dos dereitos humanos", destacou a rexedora.
Para rematar co acto, proxectouse un vídeo "co que queremos facer visible unha realidade invisible que, por desgraza, padecen moitas mulleres maiores nas súas relacións de parella", que recolle a testemuña directa dunha vítima atendida no CIM.