25N | Un berro contra o maltrato infantil, que está detrás do 54% das depresións e o 87% dos intentos de suicidio

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Andrea Campos, promotora de igualdade de xénero e filla dunha vítima de violencia machista, foi este xoves a voz de todas as vítimas das distintas formas de violencia e, en especial, das que sofren violencia vicaria e dos menores que nos seus primeiros anos de vida viven situacións de maltrato. En nome de todos eles, quixo denunciar "ata onde chegan as consecuencias para as e os menores que viven estas situacións de violencia".
Esta pontevedresa foi a encargada de ler o manifesto do Concello de Pontevedra con motivo do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con motivo do acto central do programa da Deputación Provincial 'Violencia Zero', que xuntou na praza da Peregrina a representantes das institucións municipal e provincial.
Lembrou Andrea Campos que todos os días maltratadores que non se preocupaban nin interesaban polas súas crianzas no momento do divorcio solicitan a custodia compartida, un amplo réxime de visitas ou mesmo a custodia total, "só por continuar en contacto coa muller e continuar o maltrato a través dos fillos e fillas".
Isto é a violencia vicaria e igual que en 2018 o Concello de Pontevedra dixo "un maltratador nunca é un bo pai" e agora a lei recólleo, agora queren que tamén se recolla esta violencia.
Así, por exemplo, sinala o Concello que, segundo datos da Subdelegación do Goberno, na provincia hai un total de 484 fogares con menores que viven nunha contorna de violencia, que pode ser física, sexual ou emocional e, sempre, psicolóxica.
Andrea Campos tamén puxo o foco en que faltan os datos sobre a violencia a menores, pero o que si se sabe é que o maltrato infantil é o factor de risco máis importante para presentar trastornos psicopatolóxicos na idade adulta ata o punto que, segundo diversos estudos, o maltrato infantil estivo presente no 33% dos casos de trastornos de ansiedade, no 54% das depresións, no 64% das adiccións e no 87% dos intentos de suicidio.
"A cantidade de mulleres e crianzas que padecen violencia e permanecen invisibles nas estatísticas é insoportable. E temos pendente de cuantificar as agresións que sofren as e os menores no ámbito familiar, agresións que van desde a violencia sexual á desatención, pasando polo abuso emocional e o físico", reclama o manifesto municipal.
O acto na praza da Peregrina foi a primeira das accións do programa 'Violencia Zero' deste ano, estivo a cargo da creadora multidisciplinar Alba Soto, e converteuse nun berro contra todas as violencias machistas e tamén contra o negacionismo.
Acudiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ademais de representantes provinciais, municipais, e de colectivos e asociacións de mulleres.
Carmela Silva puxo o foco no negacionismo e dixo que as persoas que negan o sufrimento das mulleres son "noxentos" e "cómplices". Así, pediu implicación da sociedade contra estes comportamentos: "Non podemos soportar este negacionismo. Temos que berrar alto, porque eses que negan as violencias machistas son cómplices".
Ademais, reclamou a todas as institucións que a loita pola igualdade e contra as violencias estea no centro de todas as actuacións.
Tanto Carmela Silva como Miguel Anxo Fernández Lores reclamaron a "imprescindible" implicación dos homes na loita, pois a violencia contra as mulleres afecta á metade da poboación e "é a morte de toda a sociedade".
25N | Violencia Zero na Peregrina
A Deputación e o Concello de Pontevedra xuntáronse este 25 de novembro na praza da Peregrina para a primeira das accións do programa 'Violencia Zero', que estivo a cargo da artista Alba Soto
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
Reflexión en Moraña sobre o amor propio das mulleres a través da música de Sofía Espiñeira
Por Redacción |
-
Maica Larriba: "A violencia vicaria é a peor expresión da violencia machista sobre a muller"
Por Redacción |
-
Unhas 175 persoas participaron na Andaina Violeta
Por Redacción |
-
A Fiscalía reclama unha condena de 10 anos de prisión para un acusado de abusar sexualmente da súa curmá menor de idade
Por Oskar Viéitez |
-
25N | A loita contra a violencia machista comeza nos colexios
Por Redacción |
-
25N | "O crecente aumento de agresións que vivimos tras o estado de alarma obríganos a seguir traballando"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
25N | Os 'xardíns que falan' alzan a voz contra a violencia machista
Por Redacción |